Enlaces accesibilidad
Alimentación

Vermes: a proteína do futuro que se cría en Ponteareas

  • Cinco amigos da zona crean unha granxa de insectos, un negocio innovador no sector primario
  • Agora véndenos para animais, pero tamén están autorizados para consumo humano

Por
Vermes: a proteína do futuro que se cría en Ponteareas

Entramos nunha granxa onde non crían polos nin vacas, producen vermes da fariña. Son as larvas dun insecto, o tenebrio molitor.

Separan os ovos dos escaravellos e coa súa mantenza cobren a demanda de alimentos de alto valor nutritivo. Son novas fontes de proteínas.

Rubén Recamán, xerente de Galinsect, explica que “a proteína deste insecto é moi similar, en canto a calidade, ao que pode ser a proteína de tenreira ou de polo. É un tipo de alimentación tamén moi adecuado para consumo humano”.

Novo alimento tamén para humanos

A Unión Europea aposta polos insectos como novo alimento. A lexislación permite comercializar fariña deste verme, de grilo e de saltón, para humanos.

Falta pouco para que estre produto que se fai en Ponteareas chegue ás tendas. “En fariñas ou como complemento para outro tipo de produtos, como poden ser as barriñas enerxéticas que agora están tan de moda, batidos proteicos... Esa tipoloxía de produtos”, indica Rubén Recamán.

Conteñen un 55 por cento de proteína

Para nós é chocante, pero comer insectos é habitual noutras culturas, polo seu aporte nutricional. Estes vermes conteñen un 55 % de proteínas e máis do 20 % de graxas boas, con ácidos graxos omega 6.

A xente está moito máis aberta a probar cousas novas. Eu penso que una vez que se introduza nos supermercados, en cousa dun ano xa o teremos asimilado

“Hai que ter en conta”, indica o responsable de Galinsect, “que no mundo hai 2.000 millóns que comen tradicionalmente insectos na súa dieta habitual. Nós aquí en Europa non estamos afeitos, pero si que é verdade que a xente está moito máis aberta a probar cousas novas. Eu penso que una vez que se introduza nos supermercados, en cousa dun ano xa o teremos asimilado”.

De momento comercialízano vivo para animais, sobre todo para aves exóticas, pero teñen previsto chegar a producir entre 20 e 30 toneladas ao mes para transformar en fariña.

Sobre todo para os sectores avícola, porcino, para as piscifactorías, e para o sector dos animais de compañía, que, aseguran nesta empresa, está crecendo moito, tanto en tamaño como en valor.

Rubén Recamán explica como é o proceso da cría: “No fondo da bandexa depositan os ovos. Nós o que facemos é separar o escaravello do salvado e dos ovos. Ao día poden por entre 10 e 50 ovos. Estes ovos os trasladamos a outra zona onde só están ovos. Ovos e larvas. En dez semanas practicamente ten un tamaño xa comercializable”.

Coas deposicións fabrican fertilizantes

Para alimentar as larvas aproveitan descartes de cereais, verduras e froitas, e coas deposicións dos vermes fabrican fertilizantes.

Non hai a penas residuo. Ademais traballan nun proxecto coa Universidade de Vigo para desenvolver unha biorrefinería. Permitirá extraer do insecto tres produtos de alto valor engadido: proteínas, graxas e quitina para elaborar pensos para o gando.

“A quitina”, apunta Recamán, "ten múltiples aplicacións, dende o sector nutricional ata o sector químico, fertilizantes..., no sector loxístico tamén, para fabricación de bolsas e de caixas”.

Innovación no sector primario

Á fronte da granxa están cinco amigos formados en empresa e informática. Buscaban un negocio innovador no sector primario, aproveitando unhas naves avícolas sen actividade.

Recibiron apoio da aceleradora de proxectos do sector alimentario Bussines Factory Food. Subvencións e a titoración de empresas como Nueva Pescanova e Viña Costeira.

É a nova gandaría, sen apenas consumo de auga e electricidade, con animais que comen e producen residuos reutilizables.