Enlaces accesibilidad

O sector turístico das Rías Baixas prepárase para o eclipse do 12 de agosto

  • A Deputación de Pontevedra organiza unha xornada formativa centrada na seguridade da observación
  • O eclipse coincidirá no máis alto da tempada turística, polo que se agarda unha gran afluencia de visitantes
O sector turístico das Rías Baixas prepárase para o eclipse de agosto
A Deputación de Pontevedra organiza actividades para os representantes do sector turístico da Rías Baixas
Loreto Fernández | RTVE Galicia

O eclipse coincidirá no máis alto da tempada turística. Nas Rías Baixas, se o tempo axuda, o femómeno será visible nun 99 %, polo que se agárda unha gran afluencia de visitantes. Por iso a Deputación de Pontevedra organizou unha xornada de formación dirixida a representantes do sector turístico

"O que vas ver é a esfera solar e vas ver dúas manchas grandes, solares". É o ambiente na práctica de observación solar dirixida a hostaleiros, guías e outros representantes do sector turístico das Rías Baixas. Importante, poñerse de costas antes de observar o sol con gafas homologadas ou filtros especiais.

Ana Ulla, catedrática de Astrofísica a Universidade de Vigo, explica que tamén hai que darlle as costas ao sol antes de quitalas. "E cando estou mirando o sol, non as levanto un pouquiño para comprobar. Non", insiste: "É moi, moi importante protexer os ollos en todo momento".

Dos 61 concellos de Pontevedra, 40 xa están adheridos ao programa 'Baixo o ceo das Rías Baixas', un produto turístico que tenta promocionar esta zona de Galicia como destino de referencia para a observación do eclipse. Nalgunhas zonas como Sanxenxo, as reservas xa están hoxe ao 90 por cento. Turismo Rías Baixas e a Fundación CEO Ciencia e Cultura están traballando para establecer unha rede de puntos de observación e a promover experiencias colectivas seguras vencelladas á paisaxe.

"Que podamos ofrecerlles –indica Romina Fernández, directora de Turismo Rías Baixas– una oportunidade de negocio máis, a nivel tanto de seguridade, como de ofrecer productos turísticos relacionados cos seus negocios, sempre facendo fincapé en temas de seguridad co eclipse do 12 de agosto".

Se vas a ir ao alto dun monte, perfecto. Pero non vaias una hora antes, porque ao mellor tes una caravana gorda

Enrique Alonso, da Fundación CEO Ciencia e Cultura, danos un consello importante con vistas a ese día para evitar sorpresas desagradables: "Non esperar a última hora. Se vas a ir ver a un sitio, ao alto dun monte, perfecto. Pero non vaias una hora antes, porque ao mellor tes una caravana gorda... Anticiparte, planificar a actividade".

As perspectivas do sector nas Rías Baixas para as datas do eclipse son moi boas. Tamén valoran que se lles informe ben sobre o acontecemento astronómico, para que saiban como actuar. Ana Vázquez é guía turística na zona: "Todo o interese que hai por parte dos aloxamentos, ademáis de saber que vai a pasar, como se vai distribuir a xente, que problemáticas pode ter... Eso está moi guay que se teña en conta, porque senon, ao final pode ser una loucura"

Os donos dos establecementos confirman o bo ritmo das reservas. "Está claro que nós, nesa época, vamos ter una ocupación prácticamente do cen por cen", asegura Alfonso Martínez, presidente do CETS, o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.

As actividades para prepararse para o eclipse van continuar. O 30 de abril, o observatorio de Forcarei acollerá outra xornada formativa aproveitando que o astro rei estará ese día na mesma posición que o 12 de agosto.