Enlaces accesibilidad

Seguemento masivo da folga xeral na Mariña

  • Actividade paralizada en comercio, hostalaría e polígonos industriais
  • Milleiros de persoas participan na manifestación para denunciar o desmantelamento industrial da comarca

Por
Seguemento masivo da folga xeral na Mariña

As rúas da Mariña amenceron hoxe desertas. En vilas como Viveiro practicamente todo o comercio e os locais de hostalaría están pechados..., con carteis nos escaparates apoiando a folga.

O tráfico, semellante ao dun domingo ou festivo, e colexios e institutos tamén baixo mínimos. Unha estampa semellante atopamos en Cervo, Xove, Burela ou Foz.

Sen industria non hai traballo

“Porque necesitamos que haxa industria para poder traballar todos. Sen industria non hai comercio, non hai hostalaría, non podemos traballar”, asegura unha moza mariñana.

Están faltando traballos: pecha Vestas, pecha Alcoa e quedamos sen vida aquí

“Porque estamos moi abandonados e moi olvidados aquí na Mariña Lucense, non temos nin carreteras, a sanidade quérennos quitar case todo… aparte dos traballos, que cada vez hai menos e pechan máis empresas”, secunda outra. “Están faltando traballos: pecha Vestas, pecha Alcoa e quedamos sen vida aquí”.

Todos os sectores, tanto públicos como privados, están chamados a esta folga xeral de 24 horas contra o abandono económico, industrial e social, din, que sofre a Mariña..., agravado polo peche da fábrica de Vestas en Viveiro e a ameza de peche de Alcoa en San Cibrao.

Os tres sindicatos que a convocan, UGT, Comisións Obreiras e a CIG, destacan o apoio masivo de toda a comarca.

Éxito de participación

“A folga xeral na Mariña está sendo un éxito de participación, un apoio masivo entre todos os comerciantes, hostaleiros, os polígonos industriais están absolutamente pechados. Tamén queremos resaltar o paro que houbo nos centros de ensino”, subliña Xorxe Caldeiro, secretario da CIG na Mariña.

“Non é so cuestión de Alcoa e de Vestas, é buscar un futuro e unha vida máis alá de Alcoa e de Vestas. Que neceistamos máis industria, necesitamos máis servizos, máis infraestructuras”, engade Diego Ballesteros, de UGT.

“Unhas reivindicacións que levamos moitos anos pedindo e que non temos resposta dos dous gobernos que poden facer algo pola comarca”, incide María José Novo, de CCOO.

Manifestación en Burela

O paro completouse cunha multitudinaria manifestación polas rúas de Burela. Participaron milleiros de persoas, entre elas os líderes da oposición, Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG).

Baixo o lema “Futuro pola Mariña” corearon consignas contra os gobernos central e autonómico e pola industrialización e o futuro desta comarca na que viven setenta e cinco mil persoas.

Noticias

anterior siguiente
-->