Numax, premio Libraría Cultural 2026 pola súa atención á diversidade bibliográfica

  • Os libreiros e o Ministerio de Cultura recoñecen o compromiso da cooperativa de Santiago coa cultura galega
  • O premio Libraría Cultural é o máis importante ao que poden optar estes establecementos en España
A cooperativa independente Numax, en Santiago, premio Libraría Cultural 2026Ver ahora
Numax foi distinguida co maior premio do sector pola súa atención á diversidade bibliográfica e o compromiso coa cultura
Ana Lorenzo | Romina Caamaño

Unha pequena libraría independente de Santiago acaba de ser distinguida co premio Libraría Cultural 2026, o máis importante ao que poden optar estes establecementos en España. A Confederación Española de Libreiros e o Ministerio de Cultura recoñecen o labor da cooperativa Numax pola súa atención á diversidade bibliográfica e o seu compromiso coa cultura galega.

12.000 libros en 45 metros

A libraría ten apenas 45 metros cadrados e dispón duns 12.000 volumes. Facer sitio ás novidades sen desterrar títulos máis antigos, pequenos proxectos editoriais ou xéneros como a poesía, é o reto que afrontan a diario as tres libreiras de Numax.

María Villamarín é unha delas: "Todo o que entra na libraría está moi seleccionado por nós", indica. "Unha parte moi importante do noso traballo é ler os libros e recomendalos aquí. Estar permanentemente mirando editoriais novas que nacen para poder falar con elas directamente e traer os seus libros se vemos que encaixan".

Numax, en Santiago de Compostela, premio Mellor Libraría Cultural 2026

A libraría Numax, premiada pola súa atención á diversidade bibliográfica e o compromiso coa culturaNumax

O 86 por cento das súas vendas son de selos independentes, sobre todo de Galicia. Esa bibliodiversidade e o seu compromiso coa cultura e coa lingua galega é o que destaca o xurado para distinguila como mellor libraría cultural de España.

Libraría, laboratorio e cinema

Esta libraría forma parte dunha experiencia cooperativa singular. Comparte espazo cun laboratorio audiovisual e cunha sala de cinema independente e as súas actividades retroaliméntanse.

Entras en contacto con moitas cousas dunha soa pasada. Ponte en contacto coas novidades editoriais, coas novidades de cinema. Á xente gústalle quedar a escoitar

Mariña de Toro, outra das libreiras de Numax, explica as vantaxes desta multiplicidade: "Fai que este sexa un lugar no que entras en contacto con moitas cousas dunha soa pasada. Ponte en contacto coas novidades editoriais, coas novidades de cinema. Aquí é un espazo agradable, á xente gústalle quedar a escoitar, gústalle quedar a falar".

Aseguran as libreiras que o premio, dotado con seis mil euros, supón un empurrón para seguir cun negocio no que as marxes son cada vez máis axustadas.

Olaia Tubío, a terceira das que atenden Numax, asegura que "o mercado, a suba dos presos, fan que cada día sexa un pouco máis complicado resistir. Ter estes apoios fai que teñas máis gañas e ilusión".

Numax é a primeira libraría galega que consegue este galardón en case tres décadas. E iso que Galicia é, xunto a Castela e León, a comunidade con maior densidade de librarías en relación á súa poboación.