O sector turístico das Rías Baixas prepárase para o eclipse do 12 de agosto
- A Deputación de Pontevedra organiza unha xornada formativa centrada na seguridade da observación
- O eclipse coincidirá no máis alto da tempada turística, polo que se agarda unha gran afluencia de visitantes
O eclipse coincidirá no máis alto da tempada turística. Nas Rías Baixas, se o tempo axuda, o femómeno será visible nun 99 %, polo que se agarda unha gran afluencia de visitantes. Por iso a Deputación de Pontevedra organizou unha xornada de formación dirixida a representantes do sector turístico.
"O que vas ver é a esfera solar e vas ver dúas manchas grandes, solares". É o ambiente na práctica de observación solar dirixida a hostaleiros, guías e outros representantes do sector turístico das Rías Baixas. Importante, poñerse de costas antes de observar o sol con gafas homologadas ou filtros especiais.
Ana Ulla, catedrática de Astrofísica da Universidade de Vigo, explica que tamén hai que darlle as costas ao sol antes de quitalas. "E cando estou mirando o sol, non as levanto un pouquiño para comprobar. Non", insiste: "É moi, moi importante protexer os ollos en todo momento".
Dos 61 concellos de Pontevedra, 40 xa están adheridos ao programa 'Baixo o ceo das Rías Baixas', un produto turístico que tenta promocionar esta zona de Galicia como destino de referencia para a observación do eclipse. Nalgunhas zonas como Sanxenxo, as reservas xa están hoxe ao 90 por cento. Turismo Rías Baixas e a Fundación CEO Ciencia e Cultura están traballando para establecer unha rede de puntos de observación e promover experiencias colectivas seguras vencelladas á paisaxe.
"Que podamos ofrecerlles –indica Romina Fernández, directora de Turismo Rías Baixas– una oportunidade de negocio máis, a nivel tanto de seguridade, como de ofrecer produtos turísticos relacionados cos seus negocios, sempre facendo fincapé en temas de seguridad co eclipse do 12 de agosto".
“Se vas a ir ao alto dun monte, perfecto. Pero non vaias una hora antes, porque ao mellor tes una caravana gorda“
Enrique Alonso, da Fundación CEO Ciencia e Cultura, danos un consello importante con vistas a ese día para evitar sorpresas desagradables: "Non esperar a última hora. Se vas a ir ver a un sitio, ao alto dun monte, perfecto. Pero non vaias una hora antes, porque ao mellor tes una caravana gorda... Anticiparte, planificar a actividade".
As perspectivas do sector nas Rías Baixas para as datas do eclipse son moi boas. Tamén valoran que se lles informe ben sobre o acontecemento astronómico, para que saiban como actuar. Ana Vázquez é guía turística na zona: "Todo o interese que hai por parte dos aloxamentos, ademáis de saber que vai a pasar, como se vai distribuir a xente, que problemáticas pode ter... Eso está moi guay que se teña en conta, porque se non, ao final pode ser una loucura".
Os donos dos establecementos confirman o bo ritmo das reservas. "Está claro que nós, nesa época, vamos ter una ocupación prácticamente do cen por cen", asegura Alfonso Martínez, presidente do CETS, o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo.
As actividades para prepararse para o eclipse van continuar. O 30 de abril, o observatorio de Forcarei acollerá outra xornada formativa aproveitando que o astro rei estará ese día na mesma posición que o 12 de agosto.