Enlaces accesibilidad

O pescador galego David Arcay proclámase subcampión do mundo de mosca en Estados Unidos

  • O pentacampión mundial empata con Pascal Cognard no número 1 do ranking histórico
  • Colga a medalla de prata nunha competición que reuniu a 140 pescadores en Idaho Falls
David Arcay proclámase subcampión do mundo de pesca a mosca en Idaho Falls (Estados Unidos) e xa é o mellor pescador da historia
Ana Lorenzo | Ionut Birsanu

David Arcay volve facer historia na pesca deportiva. É o mellor pescador de mosca español de todos os tempos e agora tamén o mellor do mundo. Empatado a puntos co francés Pascal Cognard no número un do ranking histórico, trala nova medalla de prata que vén de conseguir no Mundial de Salmónidos Mosca celebrado en Idaho Falls (Estados Unidos).

"Eu non me considero o mellor, traballo para selo todos os días", asegura con humildade, pero recoñece que "sempre teño esa ilusión de acadar ese primeiro posto, pero son consciente do deporte que é e de que igual que agora acadei catro medallas en seis anos, depois pode haber un longo treito sen acadar máis".

En Estados Unidos protagonizou una espectacular remontada, nunha competición moi esixente que reuniu á elite internacional deste deporte: 140 participantes de 21 países. David foi de menos a máis. "Sempre que consegues unha medalla, pois as sensacións son boas. A nivel individual estou moi contento. Como equipo non puidemos chegar á medalla, quedamos quintos, tamén fomos de menos a máis, pero outra vez será", lamenta.

““

Con este novo metal, David Arcay suma cinco podios individuais en Campionatos do Mundo (un ouro, tres pratas e un bronce), aos que hai que engadir outras once medallas por equipos coa Selección Española (catro ouros, dúas pratas e cinco bronces). "Eses cinco minutiños antes de empezar a manga, cando me axeonllo na beira do río e empezo a aclarar as miñas ideas e a tentar xestionar como vai ser a manga... ese gusanillo, esas bolboretas non mas dá nada máis. Creo que é a gasolina para seguir competindo", explica.

Foi o campión do mundo máis novo da historia

Leva desde os doce anos na alta competición. Con 21 convertiuse no pescador máis novo da historia en gañar un mundial. Rexeitou ofertas case irresistibles doutros países e agora, con 36 anos, este coruñés é dos poucos que pode vivir deste deporte. "Son un privilexiado, estou vivindo nun soño, poder vivir do que me gusta".

David Arcay proclámase subcampión do mundo de pesca a mosca en Estados Unidos

David Arcay amosa unha troita capturada durante os adestramentos previos ao mundial en Idaho Falls David Arcay

Detrás, moitas horas de adestramento en ríos e lagos. E tamén fabricando as súas propias moscas e equipos, referentes desta disciplina, que se practica sen morte. Explícanolo mentres o acompañamos nunha das súas últimas xornadas de adestramento en Galicia, xa que a tempada de pesca fluvial rematou na nosa comunidade o mércores 30 de setembro.

De cara ao futuro, David Arcay márcase como obxectivo formar ás novas xeracións, como director das escolas da Federación Galega de Pesca. "Creo que teño o deber de dar exemplo na pesca, sobre todo para os máis novos". E tamén, engande "de tentar dignificar este deporte, dar a coñecer que é un deporte moi bonito, que se practica na natureza e que temos que coidar os nosos ríos e os nosos peixes, para que nun futuro este deporte siga existindo".

““

E troita a troita e medalla a medalla, seguir escribindo a historia e facendo medrar a lenda deste pentacampión do mundo de pesca a mosca.