Semana Verde de Galicia, en Silleda: vangarda tecnolóxica e esencia do rural nunha edición de récord
- Presenza récord con case 800 expositores de seis paises diferentes
- Máis de 200 actividades lúdicas con exhibicións duns 500 cans de cazas e demostración dunha rapa das bestas
A Feira verde de Silleda convértese estes días no corazón do sector primario e o lecer. A 48ª edición da Feira Internacional de Galicia Abanca arrancou con cifras históricas, reunindo a 793 expositores de seis países diferentes. Un evento que equilibra a parte profesional, centrada na industria e a maquinaria, cunha oferta de lecer pensada para o gran público que agarda superar os 112.000 visitantes.
O salón Salimat volve ser un dos grandes reclamos, especialmente o espazo Alinova, dedicado á vangarda alimentaria. Alí amósanse máis de cincuenta produtos que representan o futuro da gastronomía, dende liñas ecolóxicas ata fusións de sabores que buscan sorprender ao consumidor e abrir novos mercados internacionais.
Experiencias gastronómicas únicas
A innovación no prato é un dos piares fundamentais deste ano. Segundo os produtores presentes, o obxectivo é combinar a tradición artesá coas novas demandas do mercado:
- Presentouse unha proposta de bombón recheo de queixo e viño tinto de crianza, que utiliza mel e aceite de oliva como conservantes naturais para evitar aditivos artificiais.
- Outras propostas destacadas inclúen o aceite de oliva infusionado con chocolate Dubái ou as cremas doces elaboradas tamén a partir de aceite virxe extra.
Tecnoloxía ao servizo do benestar
A bioenerxía tamén ten o seu oco con sistemas de climatización por radiación en paredes e teitos. Segundo explican os expertos presentes no recinto, esta tecnoloxía permite quentar ou arrefriar vivendas traballando con temperaturas de auga moi baixas, o que garante un aforro enerxético considerable e unha maior eficiencia das bombas de calor.
Patrimonio vivo e diversidade produtiva
Un dos grandes piares desta cita reside nas razas autóctonas, que converten a Silleda nun escaparate excepcional do patrimonio gandeiro galego. Esta área supón unha mostra do valor do noso territorio e da importancia vital de conservar a diversidade produtiva que nos define.
O recinto acolle exposicións e concursos morfolóxicos onde se poden ver exemplares de Pura Raza Galega, ademais de demostracións tradicionais como a rapa das bestas. Estas actividades non só son un atractivo visual, senón que subliñan o compromiso da feira coa sustentabilidade do sector agroganadeiro e a preservación das nosas raíces culturais.
Coa chegada da fin de semana, o recinto transfórmase nunha festa de lecer para todas as idades. Máis de 200 actividades, que inclúen exhibicións de motocross con saltos a 12 metros de altura ou espectáculos ecuestres ademáis dunha exhibición canina de 500 animais en escena, enchen o programa de adrenalina e tradición, consolidando a feira como unha cita imprescindible para o turismo e a economía galega.