Enlaces accesibilidad

Ansiedade nalgunhas persoas ao retirar a máscara, por medo ao contaxio ou por complexos

  • Os psicólogos aconséllanlles ir afacéndose a vivir sen ela
  • Moitas outras persoas devecían por sacalas e volver ver as caras enteiras

Por
Vernos sen máscara

Efectos positivos

Tras case dous anos formando parte do noso día a día, as máscaras deixan de ser unha obriga na maioría de espazos interiores e convértense nunha decisión persoal. Dicirlles adeus trae, segundo os psicólogos, moitos efectos positivos. “Supón unha sensación social de liberdade e de normalidade e de reducir ese agobio que lle producía a moita xente o ter que poñela”, asegura Diego Antelo.

Ter dous terzos do rostro cuberto limitaba moito ese comportamento intuitivo

Este psicólogo sanitario subliña que destapar a cara tamén mellora a sociabilización e a comunicación. “O noso rostro expresa emocións. Cando falamos dicimos tanto coa nosa expresión como coas nosas palabaras e ter dous terzos do rostro cuberto limitaba moito ese comportamento intuitivo. Agora vai desaparecer ese obstáculo”, sostén.

Na rúa atopamos xente que recoñece que está encantada de poder sacar a máscara no ximnasio, nas tendas ou nos restaurantes, e de que volvamos ver as caras enteiras.

Seguir con ela

Pero tamén outra moita que asegura que a vai seguir usando porque se sente máis segura. Son sobre todo persoas vulnerables, maiores ou que sofriron os peores efectos da covid-19. “A moitas persoas que lles afectou a pandemia, esta medida vailles xerar desconfianza ao principio”, afirma Diego Antelo.

Hai que darlles o tempo para que vaian adaptándose, pouco a pouco, pero con vistas a quitala

Poden sentir ansiedade ou sentemento de desprotección. “Hai que darlles o seu tempo para que vaian adaptándose, pouco a pouco, pero con vistas a quitala. Deberían tentar tamén adaptarse a ese modelo de vivir sen máscara e que se sintan outra vez cómodos, confiados e seguros. Non é moi bo que se atrase a situación para que non cree algún tipo de secuela ou fobia”.

Tratamentos faciais

Un medo parecido poden sentir os adolescentes, ao destapar complexos tras case dous anos coa cara cuberta. “Son un colectivo que lle dá moita importancia ao físico. Todos temos que ir coa cara descuberta, que non temos nada que ocultar”, sostén Antelo.

Visitamos un salón de beleza do casco histórico de Santiago. A súa responsable, Mónica Picallo, asegura que estes días duplicaron a demanda de tratamentos faciais contra as afecións cutáneas que provoca a máscara. “Estaba dando moitos problemas de sensibilidade, graniños… a xente despreocupouse un pouco ata agora. Pero agora queren quitar a máscara e atópanse con esas pequenas lesións. E están chamando moito, sobre todo para tratamentos faciais. Tamén porque empeza a haber moitas vodas, comuñóns e eventos sociais e a xente estase preocupando máis por ir arreglada”, afirma Mónica Picallo.

Tamén asegura que aumentou a demanda de maquillaxe. Ao igual que acontecera cando a máscara deixou de ser obrigatoria en exteriores, “véndense máis pintalabios, perfiladores e tamén colorete”. Algo que tamén nos confirma o persoal dunha droguería do centro de Santiago. “Terei que comprar un, que os que tiña tireinos todos que xa estaban estropeados. E se cadra ir ao dentista tamén, que desde que empezou a pandemia non volvín”, asegura unha clienta ás portas.

Menos venda de máscaras

Namentras, o que se agarda que baixe é a venda de máscaras. “De momento aínda non o notamos, pero imaxí que si que diminuirá, porque son menos horas de uso, así que fan falta menos máscaras”, di María Teresa Vázquez, a titular da farmacia Holgueras, no centro de Santiago.

Os expertos cren que tardaremos moito menos en adaptarnos quitar a máscara do que nos levou afacernos a poñela.