Enlaces accesibilidad

O tramo baixo do río Miño será un destino turístico navegable

  • Ábrese unha nova ruta fluvial, de balde, para coñecer o patrimonio das eurocidades Tui-Valença e Salvaterra-Monçao
  • As viaxes nas augas transfronteirizas van comezar a finais de xaneiro e manteranse durante o verán

Por
As augas transfronteirizas do Miño serán un destino turístico navegable

A néboa aliouse coa paisaxe para enmarcar a presentación do proxecto Miño, destino navegable.

Son rutas fluviais para coñecer a fondo dúas das eurocidades de Galicia e Portugal. A que constitúen Salvaterra de Miño e Monçao e a de Tui-Valença.

Un acto institucional no que participaron os catro alcaldes, o vicepresidente da Xunta e outras autoridades, xunto a empresas turísticas.

José Sousa, o coordinador do proxecto salientou as potencialidades da ribeira e dos concellos do Miño, cunha cultura común, unión social e valores singulares que converten este territorio nunha fonte de riqueza aínda por explotar: “Temos que mostrar a riqueza patrimonial, turística, termal, histórica… Temos termas,  una gastronomía extraordinaria nos dous países e una multiculturidade enorme”.

Rutas de balde con reserva

As viaxes van comezar a finais de xaneiro e manteranse durante o verán. O barco operará durante as fins de semana e festivos, sempre que o calado do río o permita. Haberá que apuntarse nunha central de reservas.

O proxecto comezará coas rutas históricas. As viaxes son de balde e complétanse nas localidades con desprazamentos en autobús e tren turístico.

Rutas dun día ou viaxe dunha hora polo río

Hai dúas modalidades, a ruta longa, dun día de duración, na que se visita cada una das eurocidades, e una curta, dunha hora, un paseo polo río.

Para a pequena, que sae ás catro da tarde, só é preciso achegarse ao embarcadoiro e anotarse entre as quince primeiras persoas que cheguen.

Proxecto con financiamento europeo

O proxecto está financiado con 1,3 millóns de euros con fondos europeos POCTEP de cooperación transfronteiriza. Busca diversificar a economía local co turismo.

Por iso a alcaldesa de Salvaterra, Marta Valcárcel, convida á cidadanía a que se anoten: “Que a xente veña, coñeza e poña en valor todo o que temos, e que os operadores turísticos vexan a gran potencialidade desta “raia” e queiran vir a investir no noso territorio”.

Queren crecer cara ao río coordinados nas dúas ribeiras cun proxecto ambicioso que inclúe medidas de protección do medio ambiente e o fomento da marca Río Miño.

Nesta iniciativa participan ademais dos catro concellos, a Axencia de Turismo de Galicia, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia e Turismo Porto-Norte de Portugal.