Enlaces accesibilidad

Begoña Caamaño, a escritora que quería cambiar o mundo

  • A Real Academia dedícalle o Día das Letras Galegas
  • Xornalista e escritora, publicou o primeiro libro con 45 anos
Retrato de Begoña Caamaño no Parque de Bonaval, Compostela. Viste de negro con bufanda colorida, man apoiada na barbela. Fondo de parque con céspede e edificio branco.
Begoña Caamaño, no parque de Bonaval en Compostela Foto Cedida
Xavier Martiñá

Cando Begoña era una cativa a súa nai líalle moito polo que non é raro que fora unha grande lectora. Empezou a ler obras de adultos, autores como Pérez Galdós ou Homero.

Nacida en 1964 pasa a súa infancia no barrio do Calvario en Vigo, entre a cidade e o campo. Unha nena inqueda e imaxinativa que xa amosaba os seus principios.

Bea, a súa irmá, lembra que non había reto ao que non se enfrontase. Cando lle dicían que subir a uhna árbore era un xogo de nenos e que ela non podía respondía: “quen che dí a ti que eu non podo (...) e subía máis alto que ninguén”.

Defensora dun xornalismo de servizo público

A mediados da década dos oitenta, logo de estudar maxisterio, empeza a traballar na radio. Primeiro en Radio Noroeste e máis tarde en Radio Popular de Vigo. Fai xornalismo de rúa, sempre ao pé da noticia, e informa, por exemplo, das mobilizacións do sector naval. Todo esto antes de aprobar as oposicións á Radio Galega momento no que se traslada a Santiago.

Ana Romaní, xornalista e compañeira de Begoña na Radio Galega, lembra que para ela o xornalismo era “un servizo público, xornalismo para a cidadanía” .

Begoña Caamaño, autora á que se lle dedica o Día das Letras Galegas

Escritora tardía

Con 45 anos publica o seu primeiro libro, Circe ou o pracer do azul, un traballo que fixo case en silencio, sen comentalo. Cando empezou a compartilo a obra xa estaba practicamente rematada. A súa irmá, Bea, co libro na man, dixo: “Bego escribiu un libro”, e facendo fincapé na súa calidade, exclamou: “Bea escribiu este libro! ”.  

Begoñísima, muller feminista

A cantora Uxía coñeceu a Begoña no Vigo das longas noites da movida e volvéronse encontrar, anos despois, en Santiago. Sinala o seu compromiso co feminismo que di practicaba a diario. Un feminismo que Uxía cualifica como “integrador e internacionalista” e lembra que a ela mesma lle abriu os ollos: “fun collendo esas gafas lilas”.

En Begoña todo era superlativo como recorda Uxía: “as amigas máis íntimas chamábamola Begoñísima porque ela era tan pasional e todo ligado a Begoña era un ísimo, ísima” un xeito cariñoso de chamala.

Falece con 50 anos, vítima dun cancro, pouco despiois de publicar o seu segundo libro, Morgana en Esmelle, unha novela sobre o mito clásico do Rei Arturo contado desde unha mirada feminista.

Na súa obra deixou a pegada dos principios que sempre defendeu.