Enlaces accesibilidad

Arantza Portabales volve a Loeiro coa súa última novela 'Asasinato no muíño do cura'

  • A autora regresa na súa nova novela á Galicia da súa infancia
  • Outra investigación da detective Iria Santaclara e o comisario César Araújo
Arantza Portabales volve a Loeiro co ‘Asasinato no muíño do cura’
Loreto Fernández | RTVE Galicia

A presión social e a memoria son claves na nova novela de Arantza Portabales, Asasinato no muíño do cura. Tras o éxito da primeira entrega da saga, Asasinato na Casa Rosa, a autora volve á vila ficticia de Loeiro.

Un muíño que agocha un escuro segredo. Tres irmás moi sinistras, netas do cura da parroquia. Uns veciños que choran a morte dunha rapaza e que saben tanto como calan. Arantza Portabales regresa na súa nova novela a Loira, Loeiro na ficción, o lugar onde transcorreron os veráns da súa infancia.

Era unha rapaza urbanita que pensaba que os tomates crecían dentro da lata. E que chego aquí e vin una matanza do porco

"Loira é Galicia", resume Portabales, e explica as súas sorpresas ao chegar aquí: "Para min, Galicia era ese sitio lonxano de onde eran os meus pais. Eu era unha rapaza urbanita que pensaba que os tomates crecían dentro da lata e que chegou aquí e veu una matanza do porco, e que quizais está na primeira páxina deste libro".

Narración nos anos 80 e no presente

Un relato construido en dobre espazo temporal, os 80 e o presente, e que explora na memoria a través do personaxe de Alba Mariño, unha muller con amnesia.

"O lector –conta a autora– quere saber quen matou a quen, nesa matanza que aparece na primeira páxina, pero o lector tamén quere saber quen é Alba Mariño, por que non lembra e que vamos atopar detrás dese muro de escuridade que está na súa memoria".

Na novela, publicada tamén en galego, a autora afonda no ambiente opresivo dos lugares pequenos, no estigma e na violencia invisible que sofren sobre todo as mulleres.

É unha novela cruel e especialmente cruel coas mulleres, teño que dicilo

Arantza Portabales confesa que se ata o de agora as súas novelas eran máis brancas era porque así llo pedía o corpo. "E se agora son máis escuras", di sobre o tempo no que escribiu esta última obra, "quizais será porque estaba nun momento pletórico, feliz, e podía permitirme explorar no máis escuro das almas. Porque hai que ser forte para facer unha novela tan cruel como esta, que o é. É unha novela cruel e especialmente cruel coas mulleres, teño que dicilo".

Nova entrega da saga Os crimes de Loeiro

Tras Asesinato na Casa Rosa, e esta segunda entrega da saga, xa roldan pola cabeza da autora novos crimes en Loeiro, e preguntámoslle se tamén algún proxecto audiovisual.

"Por suposto que si. Mentiría se non. Todos sabemos como vai o audiovisual. Paseniño, paseniño, sendo prudentes, mellor calar ata que o teñamos todo desenvolto. Pero non me digades que non é fermoso Loira para desenvolver un proxecto deste calibre, non?".

Loeiro é un personaxe máis nesta escura trama. Os que entren aquí, advirte autora, non terán doado atopar a saída.