Enlaces accesibilidad

Os profesionais sanitarios advirten da grave situación que afrontan os hospitais galegos, con 932 ingresados por covid

Por
Os profesionais sanitarios piden que se extremen as precaucións

A ocupación dos hospitais galegos achégase á que tiñan no peor momento da primeira vaga. Hai 932 persoas coa COVID-19 ingresadas, 795 en planta e 137 nas UCI. Son 53 máis ca onte.

No hospital Clínico de Santiago o nivel xa é semellante ao do pico de abril. Teñen 114 pacientes en planta e 28 na unidade de críticos.

Os ingresos estánse incrementando moito e agardan que vaian a máis debido ao actual ritmo de contaxios, que hoxe marcaron novo máximo ao superar os 1.800 novos positivos en Galicia nun só día.

Son moitos os pacientes contaxiados e estamos vendo familias enteiras que teñen que ingresar, porque se reuniu moita xente estes días pasados

Quédannos unas semanas moi complicadas. Porque son moitos os pacientes contaxiados e estamos vendo familias enteiras que teñen que ingresar, porque se reuniu moita xente estes días pasados”, asegura a internista especializada en enfermedades infecciosas Chus Domínguez. E advirte de que “calquera é susceptible de ingresar. A agresividade da infección non depende da idade. Si que se tes máis idade e factores de risco tes máis posibilidades Pero tamén temos pacientes xoves que se poñen moi maliños e teñen que ir á unidade de críticos ou falecen”

Reprograman probas e operacións non urxentes

No Chus, ao igual que noutros hospitais, están reprogramando probas e intervencións non urxentes.

A ocupación das UCI en Galicia, aínda que das máis baixas de España, está ao 18,2 por cento. E o 10,4 por cento das camas de planta acollen a pacientes con COVID. É a metade que a media española, pero o dobre que no Nadal.

Os sanitarios avisan da gravidade da situación. “A min o que me preocupa é que agora mesmo xa está tan saturado o hospital que a xente que segue ingresando e, sobre todo, os maiores, que son candidatos a acabar na UCI, non sei moi ben a onde imos parar, porque esto segue”, sostén Adriana Pensado,  enfermeira dunha das áreas COVID.

A súa compañeira Marina Fernández corrobora que “os pacientes son os máis perxudicados, pero nós tamén. Temos moita carga de traballo e esto non acaba. Levamos xa moitos meses e estamos cansas e de capa caída a nivel psicolóxico”.

Temos EPIS para o corpo, pero non para o corazón. E ver que ingresa teu pai, teu avó…, temos que extremar as medidas con todos, pero sobre todo cos que temos máis próximos

Acusan o cansanzo físico e emocional. E pídenlle aos cidadáns que colaboren, respetando ao máximo as medidas de illamento social para evitar unha maior propagación do virus.

“Temos EPIS para o corpo, pero non para o corazón. E ver que ingresa teu pai, teu avó…, temos que extremar as medidas con todos, pero sobre todo cos que temos máis próximos, que é onde nos estamos relaxando”, insiste Chus Domínguez.

“Eu enfádome cando vexo que a xente incumple as restricións”, engade a enfermeira Adriana Pensado. “Sei o que está a pasar a xente ingresada aquí e a veces pregúntome de qué serve tanto esforzo se ao final moita xente non cumple as medidas. Se cada un fai o que lle dá a gana isto vai durar moitos meses, vai morrer moita xente e outra moita vai quedar con secuelas”, sentenza.