A campaña de María Varela fixo efecto: o Goberno acelera os trámites para adiantar os cribados de cancro de mama
- O Ministerio de Sanidade proporá adiantar os cribados na próxima reunión da Comisión de Saúde Pública
- María Varela leva meses recollendo sinaturas para pedir que a primeira mamografía se faga aos 40 anos
Primeira victoria de María Varela cinco meses despois de comezar a súa loita para que se adianten os cribados de cancro de mama. O Goberno vai iniciar os trámites para que se fagan mamografías aos 45 anos en toda España. Tras reunirse coa impulsora da campaña en change.org/mamografiasAlos40, o Ministerio de Sanidade vai propoñer ampliar os protocolos de prevención na próxima reunión da Comisión de Saúde Pública prevista para o mes de maio.
No departamento que dirixe Mónica García levaban tempo barallando esta posibilidade mais recoñecen que a presión desta veciña da Baña, na Coruña, acelera o proceso. María Varela di que sae cunha sensación agridoce do encontro co director xeral de Saúde Pública e Equidade, Pedro Gullón, e coa subdirectora xeral de Promoción da Saúde e Prevención, Estefanía García. Explica que está contenta porque sentiu "empatía por parte dos responsables do Ministerio" e porque o compromiso que lles arrincou "é un gran paso para as mulleres". Pero considérao insuficiente e di que non parará ata conseguir que os cribados empecen aos 40 anos. "Saín desa reunión con moitas máis ganas de loitar e con moitas máis ganas de axudar ás mulleres"
Ademáis, o Ministerio vai pedir ás comunidades autónomas que amplíen os cribados ata os 74 anos. E vai facer un estudo pormenorizado dos casos de cancro de mama en mulleres de 25 a 45 anos para avaliar se sería preciso adiantar as mamografías aos 40 tal e como reclama María Varela. Ela di que estará vixiante para que o Goberno cumpra a súa palabra.
En mans das comunidades autónomas
Actualmente a poboación diana para os cribados de cancro de mama está entre os 50 e os 69 anos na maioría das comunidades autónomas, mais algunhas coma Castela e León, Comunidade Valenciana, A Rioxa, ou Navarra fan xa a primeira mamografía aos 45. O compromiso do Ministerio de propoñer que todas sigan esta pauta non garantiza que se convirta en realidade porque as competencias en sanidade están transferidas. Son elas as que teñen a última palabra neste asunto e polo tanto haberá que agardar para saber se a medida conta co apoio dos territorios.
A primeira proba de fogo será en maio, cando o Ministerio de Sanidade leve o asunto á reunión da Comisión de Saúde Pública tal e como lle prometeu a María Varela. Despois a medida terá que pasar pola Comisión de Prestacións, Aseguramento y Financiamento e, por último, as comunidades autónomas votarán no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.
María Varela é consciente de que o proceso vai ser longo. "Eles falan de aprobalo a finais de ano e despois darlle dous ou tres anos ás comunidades para implementar a medida". E sabe que para adiantar os cribados os gobernos autonómicos terán que facer un desembolso económico importante. "Eu díxenlle moi claro que si hai que apostar os cartos nunha balanza os cartos teñen que ir á prevención". Defende, emocionada, que "a vida dunha muller vale moito máis dos cen euros que pode custar facer unha mamografía".
18 mulleres morren cada día
O de mama é o cancro máis frecuente entre as mulleres no noso país. E a detección precoz é chave para que o pronóstico sexa favorable. Os últimos estudos indican que a incidencia desta enfermidade aumentou un 30% en mulleres menores de 40 anos. E ese é un dos datos aos que se agarra María para intentar cambiar o sistema. "É unha urxencia médica, estamos morrendo". Lembra que en España falecen 18 mulleres cada día por culpa do cancro de mama.
Ela tiña 42 cando lle diagnosticaron un tumor irreversible. Ingresou no hospital por unha lumbalxia e saíu cun cancro de mama metastásico en estadio catro. Asumir que non tiña cura foi moi duro pero decidiu converter a súa dor en algo positivo. "Dese por qué eu, por qué me tocou a min, decidín converter esta loita en algo positivo. Por qué a outras lle ten que pasar o mesmo ca min?". A súa batalla ten como obxetivo evitar que outras mulleres pasen polo mesmo e que as súas familias sofran como a súa. "Isto é coma un tsunami que arrasa ás familias e as mulleres nunca volven a ser as mesmas". Entrecórtaselle a voz cando recorda o que lle custou responder ao seu fillo de sete anos cando lle preguntou se se ía curar.
Máis de 87.000 sinaturas
Cando María lanzou a campaña a través de change.org en novembro de 2025 nunca pensou que fora a chegar tan lonxe. En marzo entregou no Ministerio de Sanidade máis de 65.000 sinaturas que pedían adiantar aos 40 anos os cribados de cancro de mama. E levou tamén os testimonios de 120 mulleres que lle escribiran para contarlle a súa historia. Tres delas decidiron acompañala a Madrid para deixar claro que María non está soa nesta loita. Marina, diagnosticada aos 30 cando estaba embarazada; Esther, que recibiu la noticia con 31; e Nuria, que o descubriu con 46 nunha consulta da sanidade privada.
Era a primeira vez que subía a un tren con rumbo a Madrid e aquel día non conseguiu máis que un "xa che chamaremos". Volveu á súa rutina sen saber se esa chamada se chegaría a materializar. Mais o teléfono non tardou en sonar e, un mes despois, María volvía á capital para reunirse con Pedro Gullón e Estefanía García. Desta volta acompañárona moitas máis mulleres aínda que de forma simbólica. Levou unha pancarta con fotos de compañeiras que asinaran a petición e púxoa enriba da mesa. "Puxen a pancarta presidindo a reunión para que viran que non estaba soa e para que viran as caras das mulleres".
A campaña desta veciña da Baña supera xa as 87.000 sinaturas e ela di que se sinte cada vez máis arroupada. "Cada persoa que firma é importante". Lembra que a petición segue aberta para quen queira firmar. "Hoxe son eu pero mañá pode ser a túa filla, a túa irmá, a túa amiga ou calquera muller do teu arredor".