Enlaces accesibilidad

Visitamos un dos arquivos eclesiásticos máis importantes de España na catedral de Santiago

  • A Catedral de Santiago organiza visitas guiadas na semana do Día Internacional dos Arquivos
  • Entre as obras expostas están os orixinais do Códice Calixtino, o Tumbo A e o Breviario de Miranda
No día dos arquivos, visitamos o da catedral de Santiago
Xaime Barreiro/Suso Rivas

O Arquivo da Catedral de Santiago custodia algúns dos documentos eclesiásticos máis importantes do mundo. O Códice Calixtino do século XII, recoñecido pola UNESCO en 2017 pola súa importancia universal excepcional para a historia da humanidade, é un bo exemplo disto. O exemplar orixinal do manuscrito medieval, famoso despois de que fóra roubado en 2011 e recuperado un despois, é un dos que pode ser contemplado estes días xunto con outras obras de gran importancia na impoñente sala López Ferreiro.

O Tumbo A ou o Breviario de Miranda son outras das obras expostas en senllas vitrinas na semana do Día Internacional dos arquivos, celebrado cada nove de xuño. A apertura de zonas habitualmente pechadas súmase, nas visitas guiadas, á oferta dun espazo que é de libre acceso para investigar durante todo o ano. Quen desexe consultar a inxente cantidade de documentos que compoñen arquivo pode facelo co simple requisito de pedir cita e identicarse, sen necesidade de acreditar ningún tipo de estatus académico ou investigador. Iso si, será necesario falar as linguas nas que están elaborados os manuscritos, que adoitan a ser latín ou castelán antigo.

Historia de Santiago e as parroquias

O contido eclesiástico mestúrase neste arquivo histórico diocesano con relatos costumbristas que dan conta da vida nas vilas de Galicia. Como recorda o director do Arquivo e a Biblioteca da Catedral, o coengo Don Francisco Buide del Real, estes libros "recollen algo tan noso como as festas, non só as do Apóstolo, senón as de moitas aldeas e cidades". Así, atoparon curiosidades como unha das receitas máis antigas das filloas galegas, consumidas en celebracións de coresma nas que non se podía comer carne.

Os fundamentos da historia xacobea en torno á peregrinación a Compostela son parte dun profundo retrato da propia catedral, que inclúe o seu fundionamento interno e a relación entre a institución e a cidade de Santiago. Hai que recordar, incide Buide, que da catedral chegaron a depender varios hospitáis de Santiago cando "na Ilustración nin se pensaba na posibiloidade de que existira algo así como unha sanidade pública".

Experiencia inmersiva

Tendo en conta que hoxe en día unha Intelixencia Artificial podería crear civilizacións que nunca existiron e dotalas de arquivos documentais propios, os arquivos reáis gañan aínda máis valor. As tapas de madeira, as crebadizas páxinas de pel de año ou os libros con peches de ferro poderían ser case unha garantía de que o que neles se recolle realmente aconteceu. Ademais, os visitantes a miudo destacan que tocar, ulir o contemplar obexectos inexistentes nas cadeas de produción da era dixital é toda unha experiencia que esperta sensacións moi distintas ás de soster unha tablet ou un teléfono móvil nas mans.

Percorrer este arquivo é transitar entre o renxer da madeira do chan e o esvaradizo camiñar das polpas dos dedos por pergaminos cuxas esquinas xa foron remendadas polo pracer, milleiros de veces reproducido, de tantos que antes de nós gozaron do pracer de poder tocalos. Con certa sorna di Buide que algún libro, coma no filme 'En el nombre de la rosa' podería estar envelenado, pero eses, asegura, só os sacan cando vai a prensa a visitalos e nós, por sorte, sobrevivimos.

Un final musical

O acceso físico ao arquivo musical é un dos grandes segredos deste lugar. Por respecto á sorpresa que produce naqueles que chegan por primeira vez a coñecelo non imos a desvelalo. Pero unha vez superado pódense ver milleiros de partituras entre os esqueletos dalgúns dos instrumentos que se empregaban pra interpretalas. O técnico do arquivo, Jorge García García, responsable das visitas, fala da catedral de Santiago de Compostela como "un equipo que xogaba en primeira división".

Facíase música realmente boa

Se un mestre de capela, que eran os encargados de escribir a música, quería "fichar a un músico excelente de calquera outro lugar podía facelo, incluso se había que traelos desde Roma". Polo que se entende que aquí, onde hoxe almacenan máis de cento vinte cantorais de gran tamaño, "facíase música realmente boa". De feito, algúns dos investigaores que por aquí veñen son músicos que tratando de recompoñer partes da banda sonora das historias que recollen os propios libros do arquivo.