Enlaces accesibilidad

O pan de millo convértese en arte e aprendizaxe nunha escola rural de Lalín

  • Os rapaces da unitaria de Donramiro completaron a elaboración tradicional do pan, forneando pezas co cereal
  • O proxecto xurdiu no Centro de Arte Fundación María Jove e implicou a veciños, proxenitoras, docentes e artistas
O pan de millo convértese en arte e aprendizaxe nunha escola rural de Lalín
Xaime Barreiro | Ionut Birsanu

Os alumnos da escola unitaria de Donramiro, en Lalín, foron os protagonistas dun proxecto educativo que lles permitiu coñecer de primeira man a orixe dun alimento tan presente no día a día como o pan. Tras varios meses de actividades relacionadas co cultivo do millo corvo, propio de Galicia, os escolares remataron a experiencia elaborando as súas propias bolas na Panadaría Nercellas.

A iniciativa, promovida polo Centro de Arte Fundación María José Jove, levou a nenas e nenos a participar en distintas fases do proceso, desde o contacto co cereal até a obtención da fariña. Ao longo do curso descubriron os usos tradicionais do millo, achegáronse ao funcionamento dun muíño e coñeceron técnicas que durante xeracións formaron parte da vida cotiá no rural galego.

Un proceso artístico

A cativada contou coa orientación de artistas, como o grovense Diego Vites, que acompañaron o proceso aportando unha perspectiva creativa. Como indica o propio Vites, chegaron a facer "pintura a base de pigmentos do propio millo" para pintar unhas "estruturas de madeira ideadas para secar a colleita" na propia escola. Ademais, os propios nenos debuxaron durante semanas cos dedos nun lenzo con fariña para seleccionar o logotipo distintivo da súa obra.

Pan de millo como aprendizaxe en Lalín

Os nenos traballaron coa fariña que eles mesmos moeron

O paso seguinte sería crear unha cuña de madeira e un marcador de ferro que, levado á incandescencia, serviría para marcar cada peza de pan. Con este traballo, a escola sufriu unha transformación estética e conceptual, servindo como obradoiro de experimentación no que achegarse á tradición dun xeito creativo. Cordas e debuxos pendurados de teitos e paredes e grans de millo clasificados por cadencias cromáticas e tonais son a evidencia visual máis rechamante da pegada que a iniciativa deixou nesta escola da parroquia de Santa María de Donramiro.

Outra forma de ensinar

O proxecto desenvolveuse cun enfoque interdisciplinar e, como indica a mestra e directora da escola Flora Mato García, "tocáronse todos os aspectos do currículo de Formación Infantil". Os cativos puideron practicar ciencias, matemáticas ou artes plásticas ademais de coñecer relatos e saberes vinculados coa cultura do pan. Outra curiosidade é que eses relatos, coa caligrafía dos propios nenos, foron impresos en tarxetas e entregados, xunto coas bolas de pan, aos veciños da contorna.

Desde o centro educativo destacan o impacto dunha iniciativa que permitiu conectar o alumnado coa realidade do seu territorio e ensinarnos a todos que, se queremos un mundo diferente, debemos comezar por sementalo.