Chega ao Gaiás 'Voces do Pacífico. Innovación e tradición'

  • Máis de 200 pezas do Museo Británico para abraiarnos coa riqueza e a creatividade das culturas de Oceanía
  • A exposición pode visitarse de balde ata o 29 de novembro na Cidade da Cultura, en Santiago
Exposición 'Voces do Pacífico' en SantiagoVer ahora
Un visitante observa un dos 200 obxectos expostos na mostra 'Voces do Pacífico'
Ana Lorenzo

Máscaras rituais, esculturas que conectan a vida coa morte, armas esculpidas para a guerra e o prestixio ou maquetas de embarcacións concibidas para cruzar un océano infinito... Voces do Pacífico. Innovación e Tradición amosa, por primeira vez en Galicia, máis de 200 tesouros da colección do Museo Británico, unha das máis relevantes da arte e da cultura de Oceanía a nivel internacional.

“É unha homenaxe á riqueza, diversidade e creatividade dos habitantes do Pacífico. Queremos que os visitantes teñan a sensación de que están coñecendo realmente ás persoas que habitan as illas do Pacífico”, afirma a comisaria da exposición, Julie Adams, conservadora de Oceanía do Museo Británico.

Máis de 1.800 culturas

Desde Nova Guinea a Rapa Nui ou desde Hawai a Nova Zelandia, Oceanía é un entramado de illas e culturas, máis de 1.800, unidas polo Pacífico, o océano máis grande o mundo, que cobre case unha terceira parte do planeta. 

Excepcionais viaxeiros, guerreiros, bailaríns ou tecedores... esta exposición é un recoñecemento a estas culturas ancestrais como fonte de coñecemento para afrontar retos actuais, coma o cambio climático, que ameaza a supervivencia de moitas destas illas.

A comisaria, Julie Adams, destaca “a resiliencia tanto destes pobos como dos seus artistas, enfrontando novos retos, coma o do cambio climático ou a contaminación dos oceános”.

Un mundo oceánico inundado de plástico

O artista de orixe maorí, asentado en Francia, George Nuku viaxou ata o Museo Gaiás para montar aquí a súa instalación ‘Océano embotellado 2123’. Feita con botellas de plástico, a peza está ambientada dentro de cen anos e presenta a súa visión sobre un mundo oceánico inundado de plástico.  “O futuro está conectado á nosa memoria”, di Nuku. “Coa miña arte quero animar á xente a dar un paso atrás”.  

George Nuku explica a súa instalación 'Océano Embotellado 2123'ROCÍO CIBESManuel G. Vicente / Cidade da Cultura de Galicia

Pezas contemporáneas que conviven con obxectos con séculos de historia... Santiago convértese nun dos tres únicos destinos en España, tras Madrid e Barcelona, nos que se pode ver esta mostra. Ata o 29 de novembro, de balde, no Museo Centro Gaiás.