O arquitecto das gárgolas do Hostal defende que os polémicos tubos metálicos son a solución "menos mala"
- O Colexio de Arquitectos de Galicia organiza unha conferencia para que Fernando Cobos responda ás críticas
- Tubos metálicos atravesan as gárgolas do Hostal dos Reis Católicos para evitar que a auga da chuvia deteriore o edificio
Logo de dous meses de intensas críticas polos tubos metálicos que atravesan as gárgolas do Hostal dos Reis Católicos, o arquitecto Fernando Cobos rompeu o seu silencio e defendeu a súa intervención: "La mejor solución de intervención en el patrimonio es siempre necesariamente la menos mala, es decir, la que menos daño hace". Nunha conferencia organizada polo Colexio de Arquitectos de Galicia, explicou que a decisión tomouse despois dunha investigación rigorosa e que se fixo en base a criterios técnicos.
Fernando Cobos recoñece que lle sorprendeu a polémica e contraatacou asegurando que a maioría das críticas están fóra de contexto. "Cuando trabajas en patrimonio es como si eres el médico de un paciente. Tú puedes pensar que la mejor medicina es una determinada, pero esa medicina puede tener efectos secundarios y esos efectos secundarios pueden matar al paciente”.
“¿Se puede sacar el agua por otro sitio? Sí, pero tendrá un coste. Y ese coste hay que decidir si estamos dispuestos a pagarlo o no“
Durante máis de dúas horas o arquitecto foi desmontando unha a unha todas as alternativas posibles. Non é partidario de quitar as gárgolas orixinais e colocar unhas máis grandes, como fixeron en Notre Dame ou nas catedrais de Burgos e León, porque asegura que esa solución está dando moitos problemas. Tampouco quere que as gárgolas perdan a súa función porque di que sería como levarlle a contraria ao edificio: "Si no sale agua por las gárgolas ya no son gárgolas". E non lle parece boa idea buscar outra forma de desaugar. "¿Se puede sacar el agua por otro sitio? Si, pero tendrá un coste. Y ese coste hay que decidir si estamos dispuestos a pagarlo o no".
Lembra que o obxetivo é proxeter o edificio da chuvia e polo tanto está en contra das baixantes ocultas. "Vamos a rasgar el edificio renacentista para meter una bajante dentro del muro?”. Fernando Cobos desbota tamén os canlóns visibles porque cre que iso tería máis impacto aínda que as lanzas que desencadearon a polémica.
Patrimonio pide buscar outras fórmulas
A Xunta de Galicia recoñece que os tubos que atravesan as gárgolas do Hostal dos Reis Católicos non son a mellor solución para protexer a fachada do edificio. E os técnicos de Patrimonio, que en 2022 aprobaron o proxecto, vanse reunir co arquitecto responsable para buscar alternativas. O conselleiro de Cultura, José López, avanzou que pedirán que se retiren as lanzas porque están dacordo ca parte funcional pero non coa parte estética. "Cos mecanismos que temos no século XXI, estou convencido de que seremos capaces de encontrar fórmulas que permitan o mesmo resultado sen un impacto visual tan elevado".
Esas gárgolas levan coroando o Hostal cincocentos anos. O balcón que agora intentan protexer foi unha construción posterior e a auga da chuvia, que caía a chorro directamente na pedra, estaba provocando humidades. A intervención cumpre o seu obxetivo, mais está sendo moi contestada. As fotos en redes sociais das gárgolas atravesadas por lanzas desataron a polémica.
Os veciños esixen a retirada dos tubos
A indignación dos veciños xurdiu nada máis quitar os andamios. O presidente da asociación Fonseca, Roberto Almuíña, di que "é un atentado ao patrimonio" e esixe que se retiren os tubos de forma urxente. Para él, a reforma é unha aberración: "xente sen sensibilidade está actuando sobre os nosos monumentos". Está convencido de que hai alternativas mellores, como por exemplo colocar un canlón agochado ou chapas metálicas sobre o balcón. Os veciños consideran que a opción escollida altera totalmente uns elementos que levan aí cincocentos anos. "Non respecta a historia, rompe o diálogo entre as gárgolas e o Hostal".
Apatrigal, a Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego, sumouse ás críticas. Nunha carta aberta, o seu presidente di que a intervención non é propia dun lugar como a Praza do Obradoiro. Non cuestiona a necesidade de evacuar a auga, senón a forma de facelo. "Esa forma, tal e como foi executada, non está á altura do lugar no que se insire".
Á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, tampouco lle gustan os tubos. “Dende un punto de vista estético, dende un punto de vista persoal, podo recoñecer que non me parece a solución máis satisfactoria, pero isto non vai de opinións persoais". A nacionalista bota balóns fóra asegurando que é competencia da Xunta de Galicia.
A Dirección Xeral de Patrimonio lembra que o responsable das obras no Hostal dos Reis Católicos é o Ministerio de Industria e Turismo. E dende Turespaña defenden a actuación: din que é a mellor solución para protexer o edificio, que eles executaron con precisión o que dicía o proxecto aprobado pola Xunta.
O hotel máis antigo de España
O Hostal dos Reis Católicos, catalogado como Ben de Interese Cultural, é un dos edificios máis emblemáticos de Compostela. Ao carón da Catedral, funcionou primeiro como hospital de peregrinos. En 1986 converteuse en Parador e ségueo sendo na actualidade. É considerado o hotel máis antigo de España.