Enlaces accesibilidad
arriba Ir arriba

Preparativos para dúas das principais festas de San Xoán que se agardan esta noite en toda Galicia. En Nigrán, apuran a montaxe de dúas grandes cacharelas na Praia de Panxón, un dos puntos emblemáticos de celebración multitudinaria da noite de San Xoán, como tamén o son as praias de Riazor e do Orzán, na Coruña. Alí xa están delimitadas as parcelas para congregar a grupos de amigos e familias. O Concello coruñés repartirá 120 toneladas de madeira. Por toda Galicia as fogueiras iluminarán a noite máis curta do ano, que se prevé especialmente cálida.

Ameixa de Carril só hai unha. Con esa idea, a confraría de pescadores traballa nun novo selo de calidade para identificar a que sae da lonxa e reforzar a súa identidade. Poucos produtos do mar teñen un nome tan recoñecido como a ameixa de Carril. A súa calidade e o seu prestixio fixeron deste molusco un símbolo da gastronomía galega. O distintivo permitirá identificar a ameixa que procede dos parques de Carril. O obxetivo é ofrecer unha garantía ao consumidor e diferenciar o produto fronte a outras ameixas que se comercializan baixo o mesmo nome. Máis de 600 familias viven desta actividade.

As altas temperaturas afectan especialmente aos profesionais que traballan ao aire libre. A normativa laboral esixe a súa protección ante a calor extrema, pero os sindicatos denuncian que non todas as empresas aplican as medidas necesarias. Esta mañá CCOO presentou en Ourense unha campaña de prevención. O recomendable é facer descansos á sombra, hidratarse e reducir a xornada. Os sectores máis afectados son o da construcción, xardinería ou recollida de residuos.

A primeira vaga de calor do verán mantén en alerta a media Galicia por temperaturas que poden superar os 36 graos no interior da Coruña, en case toda a provincia de Lugo e no val do Miño en Ourense, onde os termómetros poden acadar os 39 graos. A entrada dunha masa de aire cálido africano é a responsable deste episodio de altas temperaturas, que vai seguir mañá, aínda con máis calor.

Rematou o curso escolar. Coa rapazada xa de vacacións, as familias teñen que buscar alternativas para conciliar vida laboral e familiar. Unha boa opción son os campamentos de verán, coma o que hoxe comezou na praia da Lanzada, organizado pola Deputación de Pontevedra. Desde hoxe e ata o 5 de setembro pasarán por aquí máis de 1.500 rapaces de 8 a 12 anos, distribuídos en once quendas. Foron afortunados no sorteo, porque o número de solicitudes superou as 4.000.

Mañá pola noite é o San Xoán e nas lonxas e mercados a atención está posta na sardiña. As embarcacións teñen un tope de captura de 7.500 quilos á semana. Os prezos nestas xornadas previas están en torno ós 2 euros o quilo na lonxa e 8 nas prazas de abastos, aínda que esas cifras irán subindo nas próximas horas, conforme aumente a demanda. Na lonxa, a venda máis importante vaise facer esta noite. Agárdase moita cantidade. Fresca e puntual, para cumprir coa tradición.

O artista galego presenta o seu último traballo, once anos despois do anterior. ‘Permita Deus’ é o seu disco máis persoal, producido todo por el. Letras poéticas sobre sonoridades contemporáneas e tradicionais, creadas desde o seu universo rural en Palas de Rei (Lugo). Trala estrea en Vigo inicia agora percorrido por outros escenarios. Davide Salvado ofrece con ‘Permita Deus’ un espectáculo íntimo, creado para a escoita e os sentidos.

El rey emérito Juan Carlos I ha participado en Sanxenxo con el Bribón en la cuarta serie de la Liga de 6 Metros, Trofeo Xacobeo.

Desde el pasado mes de septiembre, don Juan Carlos no se ponía al frente de su embarcación. Siempre seguía las diferentes competiciones a bordo del barco auxiliar Cristina.

Foto: Elena Fernández/EFE

Hoxe remata a última das cinco folgas semanais dos médicos contra o Estatuto Marco que elabora o Ministerio de Sanidade. Os facultativos concentráronse esta mañá ante o Hospital Clínico de Santiago. Manteñen as protestas sen espectativa de solución e coa ameaza de repetir as mobilizacións despois do verán. A consellería de Sanidade cifra o seguimento nun 18%. E sostén que obrigou a suspender 5.000 consultas hospitalarias e 1.200 probas médicas cada día desta semana en Galicia.

O turismo de autocaravana, moi de moda trala pandemia, segue a medrar en Galicia. Concellos coma O Grove e a Illa de Arousa restrinxen a presenza destes vehículos fóra dos espazos habilitados para eles. Queren evitar o descontrol e a masificación, especialmente en áreas protexidas. Na Praia do Vao, á entrada da Illa de Arousa, acaban de instalar lectores de matrícula para que non excedan o tempo máximo permitido para estacionar: 24 horas.

En Galicia existe rexistro do uso do liño desde hai máis de 3.000 anos e no Imperio Romano era considerado o mellor liño de Europa. Pero esta industria, moi presente na cultura galega ata hai menos dun século, foi esmorecendo case até a súa extinción. Como di Adriana Domínguez, presidenta da empresa Adolfo Domínguez, "as sementes de orixe galega están gardadas como pezas de ouro" esperando o momento de seren recuperadas. Parte dese xermoplasma permanece conservado no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, que traballa co Centro de Formación e Experimentación Agraria para poder cultivalo de novo.

Hoxe o 85 % do liño de mellor calidade tráese do norte de Europa, principalmente de Bélxica, Países Baixos e Francia, e o seu prezo incrementouse un 51 % nos últimos catro anos. Un proxecto da Fundación Adolfo Domínguez, co apoio da Xunta de Galicia, contará cun orzamento superior aos 800.000 euros durante os próximos tres anos para continuar coas investigacións e lograr que o liño sementado en Galicia volva ser unha referencia internacional e consiga abrirse un oco nos mercados.

Casas illadas, estradas cortadas e ríos desbordados... As intensas treboadas das últimas horas deixaron importantes danos nas comarcas orientais da provincia de Ourense. Esta mañá os veciños non pararon de traballar para limpar a zona. Un dos puntos máis afectados é a aldea da Bouza, no concello de Viana do Bolo, que acumula toneladas de pedras e lama.

Katy Perry é o prato forte da primeira xornada do Son do Camiño e algúns fan levan dende as sete da mañá facendo cola para entrar os primeiros e coller sitio en primeira fila. Tamén hai expectación por escoitar a Leire Martínez en solitario e moitas ganas de desfrutar do concerto de Dani Martín.

A última edición do festival estivo pasada por auga e vimos aos asistentes con chuvasqueiros. Este ano veñen preparados con sombreiros, abanicos, e crema solar porque as temperaturas chegarán aos 30 graos en Santiago no Monte do Gozo hai poucas zonas de sombra.