Chega ao Gaiás 'Voces do Pacífico. Innovación e tradición'
- Máis de 200 pezas do Museo Británico para abraiarnos coa riqueza e a creatividade das culturas de Oceanía
- A exposición pode visitarse de balde ata o 29 de novembro na Cidade da Cultura, en Santiago
Máscaras rituais, esculturas que conectan a vida coa morte, armas esculpidas para a guerra e o prestixio ou maquetas de embarcacións concibidas para cruzar un océano infinito... Voces do Pacífico. Innovación e Tradición amosa, por primeira vez en Galicia, máis de 200 tesouros da colección do Museo Británico, unha das máis relevantes da arte e da cultura de Oceanía a nivel internacional.
“É unha homenaxe á riqueza, diversidade e creatividade dos habitantes do Pacífico. Queremos que os visitantes teñan a sensación de que están coñecendo realmente ás persoas que habitan as illas do Pacífico”, afirma a comisaria da exposición, Julie Adams, conservadora de Oceanía do Museo Británico.
Máis de 1.800 culturas
Desde Nova Guinea a Rapa Nui ou desde Hawai a Nova Zelandia, Oceanía é un entramado de illas e culturas, máis de 1.800, unidas polo Pacífico, o océano máis grande o mundo, que cobre case unha terceira parte do planeta.
Excepcionais viaxeiros, guerreiros, bailaríns ou tecedores... esta exposición é un recoñecemento a estas culturas ancestrais como fonte de coñecemento para afrontar retos actuais, coma o cambio climático, que ameaza a supervivencia de moitas destas illas.
A comisaria, Julie Adams, destaca “a resiliencia tanto destes pobos como dos seus artistas, enfrontando novos retos, coma o do cambio climático ou a contaminación dos oceános”.
Un mundo oceánico inundado de plástico
O artista de orixe maorí, asentado en Francia, George Nuku viaxou ata o Museo Gaiás para montar aquí a súa instalación ‘Océano embotellado 2123’. Feita con botellas de plástico, a peza está ambientada dentro de cen anos e presenta a súa visión sobre un mundo oceánico inundado de plástico. “O futuro está conectado á nosa memoria”, di Nuku. “Coa miña arte quero animar á xente a dar un paso atrás”.
George Nuku explica a súa instalación 'Océano Embotellado 2123' ROCÍO CIBES Manuel G. Vicente / Cidade da Cultura de Galicia
Pezas contemporáneas que conviven con obxectos con séculos de historia... Santiago convértese nun dos tres únicos destinos en España, tras Madrid e Barcelona, nos que se pode ver esta mostra. Ata o 29 de novembro, de balde, no Museo Centro Gaiás.