O alto prezo do vinilo impulsa o regreso do CD entre os amantes do formato físico

  • Os vinilos novos poden custar entre 35 e 40 euros, fronte aos seis euros dun CD
  • Os maiores de 40 anos parecen decantarse cada vez máis polo CD, mentres que os compradores máis novos manteñen o interese polo vinilo
Os cds aumentan as súas vendas polos elevados prezos que acadan os discos de vinilo no mercadoVer ahora
As recadacións dos cd en España soben un 4.3%
Xaime Barreiro/Romina Caamaño

O formato físico resiste na era do streaming, pero o encarecemento dos discos de vinilo está a cambiar os hábitos de compra e a devolver protagonismo ao CD. O que durante anos parecía un soporte condenado a quedar como recordo dos dos noventa e dos primeiros dous mil volve atopar o seu espazo nun mercado no que o prezo pode marcar a diferenza.

As cifras apuntan a esa recuperación. Nos Estados Unidos, as vendas de discos compactos aumentaron un 16% durante o primeiro semestre de 2026, ata os 16,3 millóns de unidades, segundo Luminate, empresa especializada na análise da industria musical. En España, a asociación de productores de música Promusicae cifra nun 4,3 % o incremento dos ingresos xerados polo CD no mesmo período.

Estou comprando ao maiorista a un prezo que duplica o que vendía ese vinilo hai cinco anos

En Santiago de Compostela, Yago Costoya, propietario da tenda de discos Disco Precio, percibe de primeira man o impacto da suba dos prezos. "Estou comprando ao maiorista a un prezo que duplica o de venda na tenda dese vinilo hai cinco anos", explica. Por iso, asegura, moitos prefiren agora mercar CD.

A diferenza resulta evidente cando se comparan os dous formatos. O melómano vigués Manuel Lemos considera que o vinilo se está a converter nun produto prohibitivo para parte dos compradores. «Un vinilo novo custa entre 35 e 40 euros, un sinxelo, sen falar xa dun dobre», sinala. Como alternativa, amosa un CD de seis euros: unha diferenza que permite seguir ampliando unha colección musical por moito menos diñeiro.

Unha cuestión de xeracións

O prezo non é o único factor que explica a convivencia dos dous formatos. Segundo observa Costoya na súa tenda, tamén existen diferenzas xeracionais: os compradores de máis de 40 anos están a recuperar o interese polo CD, mentres que os máis novos seguen a apostar polo vinilo. «A xente de vinte e poucos anos non lle está facendo caso ao CD, pero está entusiasmada co vinilo», resume.

Para Lemos, o atractivo do formato físico vai máis alá da música que contén. "Son dunha época na que o físico era esencial, porque non había streaming. Tocar ou ler o libreto e poñer o disco no equipo de música é, para min, unha sensación xenial", explica.

A portada, o libreto e o propio xesto de escoller un disco e poñelo a soar forman parte dunha experiencia que as plataformas dixitais non reproducen do mesmo xeito. O CD ofrece esa dimensión material a un prezo máis accesible, mentres o vinilo mantén o seu atractivo entre quen valora especialmente o formato e a experiencia de escoita.

O repunte do disco compacto non implica necesariamente que o vinilo vaia perder o seu público, pero si amosa que o custo dos discos pode alterar as preferencias dos consumidores. Nunha industria na que o acceso dixital parece ilimitado, o CD volve gañar terreo precisamente porque permite manter o vínculo coa música física sen asumir o desembolso que esixen moitos vinilos novos.