Enlaces accesibilidad

Atopar restos humanos, a "gran esperanza" das escavacións na Cova Eirós, en Triacastela

  • As Serras Orientais galegas foron refuxio climático para neandertais e homo sapiens xa na Idade do Xeo
  • Entramos á cavidade caliza a uns días de que remate o traballo de campo do verán de 2026
Entrevista en Radio Nacional y Radio 5 de Rtve Hugo Bal. 15/08/2026
Noemi Alonso e Rodrigo Maestro

Nunha das ladeiras do monte Penedo, a 785 metros de altura, ábrese entre a rocha caliza a Cova Eirós. Hai dez anos que o investigador da USC Hugo Bal sobe ata aquí para participar nas campañas de escavacións estivais. Veu como voluntario por primeira vez en 2016 e agora está especializado na análise dos restos animais que van saíndo, máis de dez mil ata o momento. Entramos con el ao que outrora foi fogar dos últimos neandertais e os primeiros homo sapiens que poboaron a Península Ibérica.

Equipo de investigación trraballando en Cova Eiurós

Un grupo de arqueólogos e investigadores en Cova Eirós Rodrigo Maestro

A “gran esperanza” do equipo é que aparezan restos humanos do Paleolítico, algo que en Galicia ocorreu só na cova de Valdavara en Becerreá. Os arqueólogos atoparon alí en 2012 un dente de leite duns 17.000 anos de antigüidade. De achar algún fósil humano na Cova Eirós sería máis antigo porque as escavacións avanzan xa no nivel cinco, de ocupación neandertal.

Mentres iso non chega, os investigadores seguen recollendo as pegadas que as dúas especies deixaron das súas estadías en Cancelo. A máis sonada de Cova Eirós son as pinturas rupestres que os homo sapiens debuxaron hai arredor de 10.000 anos. Esta campaña seguen destapando os restos agardados: ferramentas líticas dos neandertais e o pouco que queda dos animais que comían.

Ferramenta en cuarzo de neandertais atopada na Cova Eirós

Primeiro plano dunha peza de seixo tallada por neandertais, atopada nas escavacións de Cova Eirós Rodrigo Maestro

Cova Eirós: refuxio climático

O val sobre o que se ergue hoxe a aldea de Cancelo era xa moi fértil no Paleolítico. Fronte ás duras condicións da Idade do Xeo nas grandes estepas de Mongolia ou Asia Central, nas serras orientais galegas sobrevivían os bosques e había moita humidade; o que atraía máis especies vexetais e, polo tanto, máis animais. Ía máis frío ca na nosa era, había uns tres graos menos de temperatura; e as precipitacións estimadas superaban os 1000 mm anuais.

Os nosos antepasados sabían que aquí tiñan recursos para subsistir

Hugo Bal, investigador

Recursos que foron cambiando durante as épocas estudadas, entre 60.000 e 10.000 anos atrás. Daquela habitaban Triacastela corzos, raposos e xabarís pero tamén o oso das cavernas, rinocerontes, hienas ou leopardos. De todos eles quedan dentes ou pedaciños de ósos na Cova Eirós.

As únicas mostras de arte rupestre de Galicia

Analizando o solo en Cova Eirós

Tres investigadores repasan con cepillos o solo da cova na busca de pezas de interese Rodrigo Maestro

Esta cavidade caliza foi tamén espazo de desenvolvemento da “dimensión simbólica dos sapiens”, que se refuxiaron puntualmente en Eirós hai entre 20.000 e 10.000 anos. Esta é das covas máis occidentais de Europa nas que se conservan pinturas rupestres. A meirande parte dos trazos son indeterminados, “signos que non podemos trasladar á nosa realidade”, explica Bal. Pero hai tamén formas animais e humanas. Sobre a mesa deixa un dos debates na comunidade científica: por que representaban con máis detalle as figuras animais cás humanas?