Enlaces accesibilidad

Milleiros de fogueiras en Galicia para dar a benvida ao verán na noite de San Xoán

  • 200.000 persoas enchen as praias da Coruña na súa festa máis multitudianaria
  • Galicia rexistra máis de 370 incidencias, ningunha delas de gravidade
Milleiros de fogueiras en Galicia para dar a benvida ao verán na noite de San Xoán
Ana Lorenzo | RTVE Galicia

Coas últimas luces da tarde as praias de Riazor e do Orzán enchíanse de grupos de amigos e familias preparados para pasar unha noite máxica. 

“Con dezaoito anos é máis máxica, aos trinta e pico xa vai tendo menos maxia porque hai que traballar ao día seguinte”, conta con sorna unha cuadrilla de Cee que leva doce anos vindo á Coruña por San Xoán.  “Eu aproveito para pedir desexos, queimar cousas malas do ano e comezar un novo ciclo”, comenta un mozo coruñés. Ao seu carón unha familia dispón todo o necesario para a troula: “Temos aquí as sardiñas, a fogueira, a familia… e a pasalo ben”.

O Concello repartiu 120 toneladas de leña, para que os asistentes montasen con ela as cacharelas, que se acendían ao caer a noite... para iluminuar a festa máis multitudinaria: duascentas mil persoas congregou esta noite de San Xoán na Coruña.

“San Xoán é que toda a Coruña sexa comunidade, iso é o bonito” destacaban varios mozos e mozas, que cren que este ano veu moita xente de fóra.

Á medianoite, queima da falla, dedicada á eclipse do doce de agosto, e fogos artificiais. E despois, a cumprir coa tradición de saltar as fogueiras para espantar as meigas. Tamén hai quen queima papeliños con desexos, como aprobar unhas oposicións.

Para pena de moitos, estaba prohibido bañarse no mar nunha noite de temperaturas tórridas, con algúns puntos do litoral coruñés que amenceron a máis de 33 graos.  Unha vaga de calor que obrigou a extremar as precaucións e mesmo cancelar fogueiras por risco de incendios en varias localidades.

Celebración multitudinaria na Praia de Panxón

 Nas praias de Nigrán o Concello prohibiu as cacharelas particulares para evitar danos nos areais e milleiros de persoas concentráronse en torno ás dúas grandes fogueiras oficiais. "O obxectivo é gozar da festa, pero sen danar o noso medioambiente, e o que non cumpra será sancionado", aseguraba o alcalde, Juan González. Douscentos efectivos, xunto con drons e cámaras móbiles integraban o dispositivo de seguridade na vila pontevedresa.

Foi a noite máis curta do ano, pero seguro que a da festa máis longa, favorecida tamén por ser hoxe xornada festiva de carácter autonómico, é dicir, en toda a comunidade.

Máis de 370 incidencias

A noite de San Xoán deixou 374 incidencias en toda Galicia, con varias persoas feridas por queimaduras nas fogueiras, pero ninguna delas grave. A Coruña foi a que máis rexistrou, 194 incidencias; seguida de Pontevedra, con 121; Lugo, con 38, e Ourense, con 20. A central do 112 Galicia xestionou tamén 1.427 chamadas entre as 20:00h. do martes e as 06:00h. deste mércores.

Case 23 toneladas de lixo nas praias da Coruña

Segundo o Concello, recolléronse case 23 toneladas de lixo nos areais da Coruña. Falta por facer o reconto das cantidades acumuladas no resto da cidade. Os primeiros datos indican un descenso do 50% na cantidade de lixo acumulado, en comparanza co ano pasado. Os servizos retiraron das praias 22,76 toneladas de lixo, fronte ás 44 de 2025. Ás seis da mañá os últimos festeiros eran desaloxados dos areais e ás sete empezaba a funcionar o servizo de limpeza. Dende media mañá xa se podía acceder a tomar o sol e a desfrutar do baño.