Enlaces accesibilidad

A eólica mariña: unha oportunidade de 10.000 empregos para Galicia

  • A previsión para o 2026 é de instalar só 118 MW de repotenciación en tres parques, pero sen novos proxectos
  • O bloqueo actual impide xerar uns 14.000 empregos e a implantación de 32 novas empresas vinculadas ao sector
O desafío da eólica mariña en Galicia
Manuel Midón

Galicia pasou de ser a locomotora eólica de España a sufrir un "parón dramático" no seu desenvolvemento. Mentres que nas últimas dúas décadas o conxunto do país logrou duplicar a súa potencia instalada, a comunidade galega apenas medrou un 25%, unha evolución que a Asociación Eólica de Galicia (EGA) cualifica de "penosa". Este estancamento, que deixa a Galicia con só 4.000 MW fronte aos 33.000 de toda España, ameaza con deixar á industria galega fóra da transición enerxética europea se non se reverte a tendencia actual.

Xudicialización e "interese público superior"

O sector sinala como culpables directos desta parálise aos continuos preitos xudiciais, á burocracia e ao exceso de regulación (con máis de 700 normas anuais) que manteñen paralizados proxectos xa aprobados. Ante esta situación, a EGA reclama que as administracións recoñezan de forma explícita o "interese público superior" para estas infraestruturas, tal como mandatou a Unión Europea. Nun contexto de crise enerxética global e volatilidade de prezos polas guerras de Irán e Ukraína, a eólica preséntase como a única vía para garantir unha enerxía barata e soberana que permita reter a industria.

Eólica mariña: unha oportunidade de 10.000 empregos

O gran temor da patronal é que o colapso da eólica terrestre se traslade ao mar, onde Galicia xógase o seu futuro industrial ante as inminentes poxas de eólica mariña. Con investimentos de 100 millóns de euros xa en marcha no porto de Langosteira para instalacións loxísticas e un potencial de creación de máis de 10.000 postos de traballo, a eólica mariña representa unha oportunidade estratéxica que Galicia non pode perder. Ademais, estudos científicos no parque de Viana do Castelo en Portugal demostran que estas plataformas poden incluso aumentar a biodiversidade mariña, funcionando como refuxios naturais que favorecen a abundancia de polbo e a aparición de 34 novas especies de peixes.