Enlaces accesibilidad

Agricultores e gandeiros crean plataformas para vender por internet, reducindo intermediarios

  • A pandemia acelerou a dixitalización e as transacións a través da rede, ampliando os mercados
  • Os pequenos produtores utilizan técnicas de venda ata agora reservadas ás grandes empresas

Por
Granxeiros en liña

Varias plataformas de venda en liña naceron nos últimos meses para levar os produtos agrogandeiros directamente aos consumidores sen intermediarios.

A pandemia apurou a creación de plataformas deste tipo, un xeito diferente de chegar aos consumidores e de ampliar o mercado, que antes só estaba dispoñible para as grandes empresas.

Persoas que antes non compraban por internet empezaron a comprar. Os produtores temos que estar á altura deses clientes

"A pandemia acelerou o proceso, foi froito dunha necesidade. Iso fai que agora unha plataforma coma a nosa sexa necesaria ou estea nun momento de mercado adecuado, porque o cliente demanda un servizo en liña de todo tipo de produtos", sinala o xerente de Rutal Sell, José González. "Persoas que antes non compraban por internet empezaron a comprar. Entón, os produtores temos que estar á altura deses clientes", conclúe Román Sánchez Besteiro.

En 24 horas

Lácteos Conchy, de Friol, vende agora directamente en internet o leite e o queixo fresco que producen as súas vacas. E coma eles, outros pequenos produtores, agrupados na mesma plataforma de venda na rede.

O representante César Modia cita unha das vantaxes. "O meu leite ao mellor interésalle só a un cliente, pero ve a carne doutro e ve o marisco doutro. Entón, ímonos complementando uns con outros".

O Mel do país do abelleiro, nas montañas de Negueira de Muñiz, entre Galicia e Asturias, ou carne das vacas dunha cooperativa dos Ancares pode chegar a calquera punto da Península en 24 horas.

Esa é a chave destes proxectos, porque grazas a internet podemos eliminar intermediarios e conseguir mellores prezos

Prescindir de intermediarios na cadea de comercialización e lograr mellores prezos é outras das vantaxes. "Esa é a chave destes proxectos, porque grazas a internet podemos eliminar intermediarios e conseguir mellores prezos. E nunha provincia eminentemente agrogandeira coma Lugo, pensamos que é a chave para ter futuro", afirma Román Sánchez Besteiro.