Enlaces accesibilidad

Un 'berro polo rural' e polos servizos públicos educativos en varios concellos de Lugo

  • Asociacións de nais e pais dos colexios de Baamonde, Baralla, Navia de Suarna e O Courel constitúen unha plataforma en defensa das escolas rurais

Por
ANPAS de Lugo constitúen unha plataforma en defensa das escolas rurais

“O fin da escola é o inicio do fin das comunidades rurais”, alerta o manifesto constituínte da plataforma ‘Berro polo rural’, que acaban de crear as asociacións de nais e pais dos colexios de Baamonde, Baralla, Navia de Suarna e Folgoso do Courel, todos na provincia de Lugo.

O seu obxectivo é visibilizar o “seu problema común”, que non “é outro que o continuo peche de servizos na nosa terra”. Unha situación –denuncia este novo colectivo– que “pon en perigo a pervivencia da poboación”, polo tanto, quen mantén “os bosques limpos, os camiños transitables, mantén a fala, en fin, quen leva séculos debuxando a nosa paisaxe” e tamén quen conserva unha parte “esencial da nosa cultura colectiva”.

A plataforma das catro ANPAS nace co afán de colaborar na divulgación da realidade das comunidades educativas rurais “fronte ao relato que se adoita escoitar por parte da Xunta”. Neste sentido critican que “mentres os políticos asinan coa man dereita a lei de impulso demográfico, coa man esquerda seguen pechando colexios” e engaden que os que manteñen abertos “precarízanos tanto que se volven inviables”.

Lugares distintos, problemas similares

A comunidade educativa do colexio do Courel comezou a mobilizarse á volta das vacacións do Nadal cunha folga despois de coñecer que as novas contratacións que preparaba a Consellería de Educación para o curso que ven suprimirían o uso dos seis taxis locais que prestan o servizo de transporte escolar desde hai décadas.

Sospeitaban que a nova concesionaria podería ser unha empresa de transporte grande e de fóra deste concello da montaña de Lugo.

Tras a protesta, que defende manter os postos de traballo dos taxistas e quere evitar un maior tempo de viaxe dos nenos, a Consellería de Educación anunciou que paralizaba a tramitación do novo contrato para analizar en detalle a cuestión.

En Baamonde, as nais, pais, e asociación de veciños tamén se están mobilizando contra o peche deste centro escolar do municipio de Begonte. Unha proposta do goberno local (PP) que acordou no pleno municipal do pasado 22 de xaneiro remitir á consellería de Educación.

Para a comunidade educativa e para a oposición municipal é sorprendente que un alcalde promova o peche dun centro escolar.

O rexedor, José Ulla, defende que a unificación dous dos colexios do municipio nun só centro será positivo para os alumnos e conlevará investimentos da administración autonómica.

Problemas co transporte escolar

A preocupación en Navia é semellante á de Folgoso do Courel arredor das novas contratacións do transporte escolar.

En Baralla, a comunidade educativa leva reclamando un cambio de horario desde hai dous anos, sen éxito polo momento na súa demanda.

Agora os alumnos do colexio entran ás 10:10 e saen ás 17:15. En moitos casos hai que engadir 50 minutos no microbús á ida e outros 50 á volta. Por iso reclaman un horario de 9:30 a 17:15, “como en moitos outros colexios”.

Isto serviría para darlles oportunidades aos “pícaros de ter maior formación, de ter actividades extraescolares que aquí non teñen”, lamenta Candela Fraga, da ANPA do colexio de Baralla, que sinala tamén que o cambio de horario facilitaría a conciliación familiar, porque agora “escasamente teñen momentos para estar coas súas familias”.

A comunidade educativa de Baralla critica que sexan as empresas de transporte as que marquen o horario escolar do centro debido á organización das rutas noutros municipios.

Para protexer o rural –sinala unha nai deste municipio lugués– non se pide que “saquen recursos das cidades”. Son conscientes de que hai recursos limitados, pero piden “oportunidades básicas e recursos básicos” para seguir vivindo no rural.

“Investir en educación non pode considerarse un gasto. Este é, en realidade, o problema de fondo” conclúe o manifesto da plataforma ‘Berro polo rural’, que lamenta que os representantes públicos teñan esa concepción dun servizo público esencial.

Pregunta no Parlamento galego

Precisamente dos cambios no transporte escolar do Courel volveuse falar no Parlamento galego.

A unha pregunta do BNG, o conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez respondeu que unha das prioridades do goberno galego é o apoio ao rural e que o transporte escolar do Courel vai seguir funcionando con todas as garantías e que as familias, e os veciños “poden estar absolutamente tranquilos”. Engadiu que o seu departamento está traballando para corrixir as posibles deficiencias no proceso de contratación agora parado.

A deputada por Lugo do BNG, Carme Aira, reclamoulle ao conselleiro “unha oportunidade” para manter o tecido socioeconómico da Serra do Courel e impedir que o concello perda poboación “en caída libre”.