Enlaces accesibilidad

Unha aula conectada para a era covid

  • Os problemas de conexión no rural levaron a crear un lugar de estudo no que fora un cine histórico de Tomiño

Nun mes rexistráronse 150 usuarios, estudantes e profesionais que usan un o espazo como lugar de traballo

Por
Unha aula conectada para a era covid

Nun mes rexistráronse 150 usuarios que acceden á aula de estudo de Tomiñoque lles permite entrar os 365 días do ano, entre as nove da mañá e as nove da noite.

No interior, 40 postos de estudo individuais e un espazo para traballos en grupo. Un aula de estudo da era covid con separación de seguridade, pantallas, xel hidroalcohólico, e conexión a internet de alta velocidade por wifi e cable. A sala principal conta con ordenadores de uso compartido e impresora.

Aquí podo concentrarme mellor e son máis eficaz

Tania e Judit preparan oposicións. Son das primeiras en chegar diariamente. Din que antes tiñan que ir a outros concellos da comarca do Baixo Miño a estudar e agora poden facelo ao pé da casa cun horario moi flexible,  incluso durante as fins de semana.

Brais Piñeiro estuda un máster na Universidade de Vigo. Dende que utiliza as instalación aforra viaxes, tempo e atopou máis tranquilidade que na casa. “Aquí podo concentrarme mellor e son máis eficaz”.

Solución para teletraballadores

Violeta Janeiro e a súa parella mudaron Madrid polo rural. En plena pandemia instaláronse na outra beira do Miño, en Portugal, e comezaron a teletraballar conectados a través do móbil mentres buscaban solucións. Dedícanse á arte contemporánea e ao cinema e precisaban una boa conexión que non tiñan na casa: “Dimos moitas voltas –di Violeta- ata que atopamos este espazo para traballar. Estivemos a piques de marchar por este problema ata que descubrimos este lugar. Amais de agradable e tranquilo é moi cómodo, está cableado…, estamos encantados”.

Ideada durante o confinamento

A alcaldesa, Sandra González, explica que a idea xurdiu durante o confinamento. “A dixitalización do rural aínda é una asignatura pendente neste país, polo tanto ter un lugar onde a xente poida vir e ter boas conexión, dar solución a ese problema, era para nós, una tarefa fundamental durante a pandemia”.

Moitos alumnos das parroquias, sen acceso a internet ou con conexións deficientes por non teren fibra, tiveron graves dificultades para seguir as clases a distancia no confinamento. A mocidade tomiñesa precisaba una instalación axeitada para estudar.

Foi una solución de emerxencia á espera de que outras administracións colaboren no financiamento que permita abordar un proxecto máis ambicioso, o da biblioteca municipal.

O feito de que se rexistraran usuarios de Mos, A Guarda, O Rosal ou Gondomar amosa a necesidade de espazos de estudo na comarca.

A transformación do espazo

O estudio de arquitectura XL, formado por Xavier Pousa e Lara Leal, realizou o proxecto no que fora un cine histórico convertido en Casa da Cultura.

A artista Pilar Alonso, ocupou a parte superior da gran sala cunha nube de papel enfiado. Utilizou páxinas de libros e revistas doadas, algunhas con referencias á identidade colectiva do Concello, para facer un ceo de coñecemento analóxico na era dixital. Un aceno que visualiza a necesidade que temos de subir á nube as imaxes importantes que nos interesa conservar. “As bibliotecas,-di a artista- ou teñen menos libros ou temos outros soportes. Trátase de contar ese cambio no tempo. É coma una nube dixital pero analóxica”.