Enlaces accesibilidad

Heroes de refugallo: a cabalaría estrafalaria de Manolo Figueiras transforma o xénero épico

  • A última proposta artística de Figueiras son trinta guerreiros feitos con material de refugallo
  • Son recreacións simbólicas, case paródicas, das estatuas e retratos ecuestres de reis e emperadores
Heroes de refugallo: A cabalaría estrafalaria de Manolo Figueiras
Domingo Bobillo | Jorge Salvador

O artista ourensán Manolo Figueiras creou esculturas cos residuos que ía tirar ao lixo. Son unha parodia do xénero das estatuas e retratos ecuestres nos que se representaba a reis e emperadores como heroes de guerra. Os seus patéticos cabaleiros, pola contra, son heroes de refugallo.

O escuadrón de cabalaría estrafalario e anárquico formado por 30 guerreiros tomou a galería Dodo Dadá de Ourense. Son esculturas ecuestres feitas con refugallos. Na súa casa de Cambeo, en Coles, o artista móstranos onde amorea os residuos. Nunha arca garda os de ferro.

Familia de ferreiros

Figueiras, escultor e pintor, explica a súa afección a este tipo de materiais: "Teño moito interés polo tema dos ferros vellos, ferranchos, ferraduras, bisagras, apliques. Na miña familia son ferreiros, eran os ferreiros de aquí do pueblo. Aínda nos chaman hoxe os ferreiros e ao mellor me vén de aí".

Como se fose un cofre dos tesouros, nunha maleta vella acumula os refugallos de todo tipo máis miúdos. Como tiña residuos de máis, no proceso de tiralos ao lixo, ocorréuselle como reutilizalos creando unha escultura ecuestre.

Como tiña material de sobra, decidín reutilizalo todo nunha serie monotemática de guerreiros a cabalo

"Cando fixen a primeira" –lembra o artista–, "vin que aí había un campo de traballo. Como tiña material de sobra, tiña dabondo, decidín reutilizalo todo nunha serie monotemática de guerreiros a cabalo".

Cabaleiros policromados

Cada escultura é distinta, pero compúxoas cos mesmos elementos: un xinete con cabeza, corpo e arma e un cabalo con cabeza, cola e patas. Despois pintounas.

"Porque ganaran tamén en carácter, en expresividade. Sempre me interesou moito o tema da policromía en escultura", apunta Manolo Figueiras.

Heroes de refugallo, de Manolo Figueiras, en Ourense

O escuadrón de cabalaría estrafalario e anárquico tomou a galería Dodo Dadá de Ourense

Son recreacións simbólicas das estatuas e dos retratos ecuestres que na historia da arte representaban a reis e emperadores. Pola contra, os seus cabaleiros son personaxes marxinais e patéticos, heroes de refugallo.

Transformación dun xénero

Para o escultor, foi una consecuencia do material utilizado: "Xa que vou a usar este tipo de material, de refugallo, de desfeito, voulle dar a volta tamén simbólicamente ao xénero", explica o artista. E conclúe: "Vou a transformar este xénero tan épico, tan prestixioso, nun xénero case, case, case paródico".

A parodia completouna bautizando cada cabaleiro con nomes e alcumes que son o reflexo da súa personalidade, como Pánfilo de Paizás, conquistador de Terras Raras. O escuadrón fixo parada na galería de arte Dodo Dadá de Ourense.