Enlaces accesibilidad

O cadro “a derradeira leición do mestre” chega ó Museo de Pontevedra

  • É un símbolo da memoria dos exiliados galegos, pintado por Castelao en Bos Aires
  • Retrata o fusilamento do nacionalista Alexandre Bóveda en agosto de 1936
"A derradeira leición do mestre" chega ó Museo de Pontevedra
Rtve Galicia

No Museo de Pontevedra foi desembalado este mércores o cadro de Castelao A derradeira leición do mestre , chegado dende Bos Aires grazas a unha cesión do Centro Galicia da capital arxentina. Con esta pintura, o rianxeiro homenaxeaba ó político nacionalista Alexandre Bóveda tralo seu fusilamento en agosto de 1936. Expoñerase xunto a outros obxectos e obras de Castelao a partir do 25 deste mes de xuño.

Unha volta a Galicia que celebra o neto de Alexandre Bóveda, Valentín García Bóveda, fillo da filla que non chegou a coñecer, xa que foi fusilado o 17 de agosto de 1936 cando ela estaba encinta. O tamén vicepresidente da fundación Alexandre Bóveda lembra que o cadro foi pintado para conmemorar o “Día da Galiza Mártir”, instaurado polos exiliados en Bos Aires. E lamenta que a incomodidade desta celebración para algúns estamentos impedise que o parlamento galego aprobase a súa petición para instaurar esa data como oficial

O neto de Alexandre Bóveda celebra a exposición en Galicia de "A derradeira leición do mestre"

A iniciativa da Fundación chegou ó Pazo do Hórreo da man do BNG. O voceiro do PP, José Luis Fierro rexeitouna, alegando que xa existe unha data para lembrar ós represaliados, o 31 de outubro: ”unha data transversal, inclusiva e pensada para representar ó conxunto das víctimas”. Considerou que “non é necesario salpicar a memoria democrática cunha sucesión constante de novas efemérides e datas institucionais”.