Enlaces accesibilidad

Récord na feira de gando de Silleda: a vaca Linda supera os 10.500 euros

  • É a primeira vez que unha rubia galega supera a barreira dos 10.000 euros
  • O auxe das carnes gourmet fai que se disparen os prezos de vacas e bois
Récord na feira de gando de Silleda: Linda, unha vaca rubia galega, véndese por máis de 10.500 euros

A Feira de Silleda bate un novo récord. A vaca Linda vendeuse por 10.508 euros convertíndose na rubia galega mellor pagada da historia da Central Agropecuaria de Galicia. O comprador conta con sacar máis de 800 quilos de carne que están agardando xa en Madrid, nunha empresa especializada en vacún de alta calidade. As carnes gourmet teñen cada vez máis tirón nos restaurantes e iso fai que os tratantes paguen cada vez máis polo gando.

"Era como unha mascota"

Emilio López coidou de Linda dende que naceu e recoñece que foi difícil despedirse dela, que lle deu moita pena. Cando falamos con él dámonos de conta de que non era unha vaca máis. "É un animal que eu, que teño 50 anos, non volverei a ver outra". Este gandeiro de Chantada arrepíntese de non terlle quitado embrións porque di que quedan poucas rubias galegas coma ela. Pero decidiu que era o momento de vendela porque estaba xa moi gorda. "Non podía ir moi lexos porque estaba cansa. Tiñámola nunha cama con palla porque tiña moito peso, non podía estar no cemento".

A pesar do récord, Emilio di que perdeu cartos. "Unha vaca con estas características non se ceba nin nun ano, nin en dous". Explica que alimentar a un animal durante case 12 anos é moi caro e ademáis non obtivo moito beneficio porque só pariu dúas veces. "Non deu resultado ningún pero foi un hobby que tiven, hai quen ten un cabalo, hai quen ten un can, o outra cousa".

Unha poxa rifada

Linda foi o centro de tódalas miradas. Tódolos tratantes que estaban o martes en Silleda poxaron para intentar quedarse con ela. O gañador foi José Rodríguez, de Ganados Caquelo, que tivo claro dende o primeiro momento que tiña que facer unha boa oferta. "Cando a vin dixen hai que sacala carteira". Pagou 10.508 euros, a oferta más alta que fixo nos case 40 anos que leva no negocio. Di que non podía deixar pasar a oportunidade porque é unha vaca especial, nunca vira unha igual. "É un animal único. Ten unhas formas de lomos, de perna e de grasa, espectaculares".

O principal atractivo é o seu peso. "Está obesa, non colle máis, non colle máis quilos nin máis grasa". Explica que non é sinxelo calcular cantos quilos de carne van sacar cando a sacrifiquen pero conta con máis de 800 porque é unha vaca de máis dunha tonelada. E ademáis "é unha rubia galega pura, das de antes". José explica que ten unha boa infiltración e unha boa veta, as características mellor pagadas.

A carne da vaca Linda ten xa destino: a empresa Discarlux, especializada en vacún de alta calidade. A primeira parada serán as súas instalacións en Madrid, pero posiblemente chegue aínda máis lonxe porque suministra a algúns dos mellores restaurantes de España e de Europa. Así que os filetes da vaca máis cara de Galicia rematarán seguramente na cociña dalgún chef con Estrela Michelín.

A febre das carnes gourmet

As carnes maduradas están de moda e na feira de gando de Silleda o están notando. Na Central Agropecuaria de Galicia din que os prezos de vacas e bois están polas nubes porque hai moita demanda de carnes de Galicia. "É un garante de calidade, nun restaurante poñer que é carne de Galicia é un sobrenombre”. A proba está en que levan tres récords nun mes. A vaca Linda desbancou a unha mestiza de Arzúa que conseguira o título tan só sete días antes ao superar os 8.400 euros.

O récord xeral teno un boi que se vendeu en octubre de 2024. A vaca Linda quedouse a tan só 105 euros de superalo convertíndose na primeira femia se achega ó prezo dos mellores machos da historia da Central.