Enlaces accesibilidad
Prestige, 20 anos despois

Seis días de novembro: a cronoloxía do naufraxio

  • Os veciños de Muxía chegaron a ver a silueta do Prestige apenas a tres millas da costa
  • O buque acabou afundido tras provocar unha marea negra que afectou a máis de 3.000 quilómetros de litoral

Por
Seis días de novembro. A cronoloxía do naufraxio

Hai 20 anos un vello petroleiro monocasco con 26 anos de servizo partía de San Petesburgo rumbo a Xibraltar con 77.000 toneladas de fuel ruso. O Prestige iniciaba sen sabelo a súa derradeira singradura.

13 de novembro

Eran as tres e cuarto da tarde do mércores 13 de novembro de 2002. Salvamento Marítimo recibe a primeira chamada de socorro do Prestige.

Un cuarto de hora despois xa solicitan a evacuación da tripulación. Navega a 27 millas de Fisterra cando o casco fende cunha vía de auga coa que o petroleiro empeza a escorar perigosamente.

Salvamento Marítimo evacúa os 24 mariñeiros do petroleiro. Nel quedan “voluntaria e arriscadamente” o xefe de máquinas, o primeiro oficial e o capitán,  Apostolos Mangouras, que se negou a dar remolque ata que recibiu ordes do seu armador.

Durante horas sucédense as negociacións para ese rescate. Unha vez aceptado, varias estachas e cabos de amarre romperon debido á forza do temporal, mentres o petroleiro continuaba a deriva con risco de embarrancar.

14 de novembro

Os veciños de Muxía espertan coa silueta do Prestige apenas a tres millas.

Ese mesmo día, na Capitanía Marítima da Coruña asinan un acordo coa compañía holandesa que se facía cargo do rescate.

O capitán Wytse Huismans, da Mariña Mercante holandesa, pertencente á empresa Smit Salvage, procede a tomar o mando do buque de bandeira de Bahamas. Por orde do seu armador, comprométese a non estar nunca a menos de 120 millas náuticas das augas xurisdicionais españolas.

Estará escoltado por buques da Armada Española que impedirán o seu acceso dentro das 120 millas antes mencionadas.

Así mesmo, contará co apoio dun buque de salvamento Sasemar para facilitar a operación de transvasamento da carga e a seguridade do persoal embarcado.

15 de novembro

Dous días despois, cando os holandeses toman o control do barco, paran máquina. Poñen rumbo suroeste e comproban que a fenda do Prestige estaba por baixo da liña de flotación e é xa era duns 35 metros.

Piden un porto refuxio ás autoridades españolas, que llelo negan.

Ese mesmo día, a Capitanía Marítima da Coruña denuncia o capitán do barco por obstrución e desobediencia. Por iso, cando Mangouras chega a terra aquel venres 15 de novembro é detido pola Garda Civil e ingresa en prisión durante case tres meses ata que se abonou unha fianza de tres millóns de euros pola súa liberdade.

16 e 17 de novembro

Durante aquela fin de semana descobren que o Prestige ten outra fenda, esta de través.

18 de novembro

Namentres, continúan a remolcalo cara o sur, ata que a Armada portuguesa lles obriga a virar o rumbo.

19 de novembro

Ao Prestige apenas lle quedan unhas horas a flote. Ás 8 da mañá do martes 19 de novembro, seis días despois do primeiro SOS, o barco parte en dous e primeiro a popa e despois a proa acaban no fondo do océano a case 4.000 metros de profundidade e a máis de 250 quilómetros da costa galega, tal como comprobou o submarino Nautile nunha operación que custou máis de cen millóns de euros.

Sucesivas mareas negras acabarían tinguindo de negro máis de 3.000 quilómetros de costa desde a desembocadura do Miño ata Francia.