Enlaces accesibilidad
Coronavirus

Reparto de test de saliva para os escolares de 5 a 11 anos

  • Os nenos farán a proba de xeito voluntario nos seus domicilios e, en caso de resultar positivos, a familia notificarallo ao Sergas
  • A Xunta reparte 37.500 en todos os colexios e hai outros 17.500 dispoñibles no Sergas para subministrar baixo demanda

Por
37.500 test covid de saliva para as escolas

A Xunta comezou hoxe a repartir test de antíxenos polos colexios, tanto públicos como privados. Visitamos o centro José Cornide Saavedra da Coruña onde recibiron as probas esta mañá. Segundo a Consellería de Educación, a intención é distribuír o cen por cen dos test ao longo do día.

Son en total 37.500 e hai outros 17.500 dispoñibles no Sergas para subministrar baixo demanda aos centros que o soliciten, segundo vaian esgotando esta remesa.

Algunha confusión

Hoxe aínda había algunha confusión nos centros, como comenta Marcos Casal, do colexio José Cornide: “Recibímolos, pero aínda non sabemos en que casos se administran os test, a quen se lle proporcionan, etc. Este ano a situación epidemiolóxica nos colexios é mellor en xeral có ano pasado. Nós non tivemos que dar ningunha alerta por positivos e esperemos que siga así ou incluso mellore”.

Este ano a situación epidemiolóxica nos colexios é mellor en xeral có ano pasado

Iria Martín, do CEIP Alborada da Coruña, cree que “cando haxa un determinado número de casos, os nenos que non son parte deses casos levarianos para a casa para poder comprobar se están ou non infectados”.

Probas voluntarias

Os test repartiranse entre os alumnos baixo a supervisión do coordinador covid de cada centro. Serán voluntarios e os nenos realizarán a proba nas súas casas.

A toma da mostra é sinxela, leva apenas 5 minutos. Iso si, o neno non pode comer nin beber media hora antes de facela. Se o resultado é positivo será considerado caso confirmado e a persoa responsable do neno deberá notificalo a Saúde Pública.

Todo para facer máis segura a volta ás clases tralas vacacións de Nadal e tentar evitar o peche de aulas. Actualmente son 29 en Galicia as que están pechadas, todas de educación infantil.

12.000 alumnos e un milleiro de profesores son positivo ou están en corentena.