Enlaces accesibilidad

No AVE de Ourense a Madrid, en apenas dúas horas e cuarto

  • Esta mañá fomos dos primeiros viaxeiros en experimentar a nova liña de alta velocidade
  • Hai dous servizos diarios de AVE en cada sentido e máis frecuencias de Alvia, que tamén reducen o tempo da viaxe

Por
Primeira viaxe do AVE Ourense-Madrid

Subimos ao primeiro AVE comercial que comunica Ourense con Madrid tralas viaxes de proba e a inauguración de onte.

Puntualidade

Son as seis e media da maña e o tren parte con puntualidade. Cada día dous trens de alta velocidade viaxan desde a cidade das Burgas ata Madrid. Este da mañá e outro pola tarde. En sentido contrario desde Madrid a Galicia tamén son dous os novos servizos de AVE.

Este convoi, con 12 vagóns, ten capacidade para 350 persoas. Entre xornalistas e pasaxeiros hoxe vai case cheo.

Primeira experiencia

Se nota sobre todo la velocidad en los oídos

Preguntámoslles a algúns como é a súa primeira viaxe. Unha muller di que vai moi cómoda e que "se nota sobre todo la velocidad en los oídos".

Ourense, que non tiña nada, que non tiña praia, esto venlle fenomenal, polo menos ten algo

Outra alégrase de que "Ourense, que non tiña nada, esto venlle fenomenal, que non tiña praia, polo menos ten algo".

Tamén viaxa un ferroviario que "quería participar neste día histórico" e un de Lugo que se queixa das malas comunicacións coa cidade das murallas. "Os de Lugo temos que elixir para chegar a Ourense entre un tren do século XVIII ou unha estrada do XIX, pero o que é o AVE, espectacular".

Prezos dos billetes

Trala campaña promocional a 15 euros o billete, viaxar en AVE vai ter un prezo variable, que Renfe establecerá segundo a demanda ou a antelación con que se faga a compra. Por exemplo un billete básico pode rondar os 28 euros.

Atravesamos Castela a máis de 300 km por hora, velocidade que permite reducir o tempo da viaxe entre Ourense e Madrid nunha hora e media respecto ao tren convencional.

Ás nove menos cuarto xa chegamos á estación madrileña de Chamartín, segundo o tempo previsto de dúas horas e cuarto despois de saír de Ourense.