Taxi gratuíto en Verea, Ourense, para loitar contra o despoboamento
- Os veciños xubilados ou con discapacidade poden usalo para facer xestións ou ir ao médico
- Concello destina cada ano máis de doce mil euros do seu orzamento a financiar o servizo
O concello ourensán de Verea, con mil habitantes repartidos en 42 aldeas, conta cun servizo municipal gratuíto de taxi. Os veciños xubilados ou con discapacidade poden usalo catro días á semana para ir á farmacia, ao centro de saúde ou a facer trámites ao Concello e retornar ás súas casas. O custo de 12.000 euros ao ano, é asumido polas as arcas municipais como medida para frear a perda de poboación. O servizo préstao a única taxista do municipio.
Trinta persoas ao mes usan o taxi
Máis de trinta persoas utilizan cada mes este servizo de taxi municipal, especialmente demandado para acudir a citas médicas. Boa parte da veciñanza son persoas maiores e moitas viven soas. Carmen Méndez é unha delas, moi satisfeita co taxi de balde, porque ten que achegarse semanalmente ao centro de saúde, que está na capital do municipio. "Si tuviera que pagar taxis todas las semanas, estaría en la ruina", confesa Carmen.
Mercedes Orozco, outra veciña maior, está nunha situación semellante. "Faine un servizo estupendo", di Mercedes, "se non para min era un gasto, porque todos os meses teño que ir a Verea a poñer unha inyección".
“Non teño carné, ese é o problema. Se tes que pagar un taxi, págalo, pero non é igual“
José Álvarez, tamén usuario do servizo de taxi, engade un comentario común a case todos: "Non teño carné, ese é o problema. Se tes que pagar un taxi, págalo, pero non é igual".
Mónica Dapía é a única taxista de Verea. Relevou ao seu pai cando se xubilou. Cre que o servizo é moi necesario porque hai moitos veciños pensionistas. "Hai pueblos que ao mellor tranquilamente son 28 euros ao ilos a buscar e levar", Asegura Mónica, "e a ver, un día só dis tú, non pasa nada, pero se ten que vir varias veces… entonces, a ver, elle moi bo".
Taxista e asistenta social
Ás veces, Mónica exerce de asistenta social voluntaria. Hoxe convidou a Ramona Álvarez, de 93 anos, a acompañala a facer a ruta para que non estea soa na casa. "Estou feliz con eles. Ademáis, Mónica é moi cariñosa e sabe moi ben atender aos vellos", di Ramona, agradecida.
O Concello destina cada ano máis de doce mil euros do seu orzamento a financiar o servizo. A súa posta en marcha foi a prioridade do seu alcalde cando entrou a gobernar en 2019 para frear a perda de poboación.
“A xente empeza a pensar na súa saúde e marcha a unha vila máis próxima ou á cidade“
O alcalde de Verea é Antonio Pérez Valado, e teno claro: "Unha vez que a xente perde a mobilidade, pois empeza a pensar na súa saúde porque xa están nunha idade elevada, e entonces, vaise a unha vila máis próxima ou á cidade".
Dende que o BNG goberna en Verea, o municipio gañou máis dun cento de habitantes. Quizais por iso esta lexislatura faino sen ningún partido na oposición. Os sete concelleiros son do BNG.