Enlaces accesibilidad

Todo listo no Monte do Gozo para que arranque O Son do Camiño

  • Katy Perry, Linkin Park, Lola Índigo, Dani Martín e DJ Snake encabezan o cartel desta edición
  • O sector hoteleiro conta con que a ocupación chegue ao 90% durante os tres días do festival
Últimos preparativos para que arranque O Son do Camiño

O Son do Camiño coloca de novo a Santiago como cabeza de cartel no calendario nacional de eventos musicais. Este xoves 18 de xuño arranca unha nova edición e, como en todas as anteriores, as entradas están prácticamente esgotadas. Serán tres días de concertos e a previsión é que asistan 42.000 persoas cada xornada.

No Monte do Gozo ultiman os preparativos antes de que cheguen os artistas. Esteban Girón, director de comunicación de Bring The Noise, unha das promotoras do festival, explica que levan case dous meses traballando sen descanso para que todo saia perfecto. "Son muchas horas de trabajo, mucho equipo... Para montar este festival tenemos que contar con 1.500 personas trabajando directamente". O recinto ten tres escenarios que acollerán máis de 40 actuacións.

Único concerto de Katy Perry en España

Directa dende a inauguración do mundial de fútbol, chega Katy Perry. O concerto do Son do Camiño será a única oportunidade de escoitala este ano en España. A súa xira ten parada en Portugal pero non pasa por ningunha outra cidade do noso país. Tampouco haberá máis actuacións de Linkin Park, que é outro dos pratos fortes a nivel internacional. O grupo americano actuará o venres 19 de xuño, día para o que non quedan entradas na web do festival.

Na lista de artistas nacionais que subirán ó escenario destacan Lola Índigo, Leire Martínez ou Dani Martín. E como nas edicións anteriores, tamén haberá espazo para cantantes galegos. Sen Senra, que actuara xa no 2022, repite no cartel. E volven tamén Carlos Ares, que estivo en 2024, e Ortiga, que o fixo no 2025. Carlangas debuta en solitario pero non é a súa primeira vez no Son do Camiño. Na primeira edición, no 2018, actuou como parte de Novedades Carminha. O festival retransmitirá a través de Youtube algunhas das actuacións.

Os hoteis roldan o 90% de ocupación

Arredor do 40% dos asistentes ao festival vén de fóra de Galicia e come e dorme en Santiago. Os organizadores calculan que se van crear máis de 4.000 postos de traballo indirectos durante os tres días que dura o Son do Camiño e que o impacto económico será de 25 millóns de euros. José Antonio Liñares, voceiro da Unión Hoteleira de Compostela, cre que os datos de ocupación van ser moi positivos. "Penso que acadaremos unha cifra de 85 a 90% de ocupación". Explica que xuño é sempre un bo mes, con moito turismo internacional, e que o evento musical fai que as reservas aumenten un 10 ou un 15%.

As cifras poderían ser aínda mellores se chegan reservas de última hora. Liñares di que ás veces os que veñen doutras cidades galegas teñen idea de voltar á súa casa e logo deciden sobre a marcha quedar a durmir en Compostela. "Iso produce un incremento de ocupación que seguramente vai a un 5% a maiores, o cal non está nada mal".