Mar defende o plan do marisqueo fronte ás críticas da oposición
- A consellaría do Mar asegura que a resposta ante a crise é "excepcional"
- A oposición considera que o plan é "raquítico"
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu no Parlamento o plan de recuperación do marisqueo. Sinalou que é unha resposta "excepcional" da Xunta ante a mortandade masiva do marisco polos temporais do inverno. Asegurou que o goberno galego actuou con rapidez cun investimento de case 23 millóns de euros para asinar convenios de rexeneración coas confrarías. Así o manifestou durante unha comparecencia a petición propia no hemiciclo do Pazo do Hórreo.
A oposición rexeita o plan
Pola contra, a oposición cargou contra un plan que cualificou de "raquítico". BNG e PSdeG queixáronse de que as mariscadoras recibirán como compensación só 700 euros ó mes, menos do salario mínimo. Criticaron tamén a demora na achega das axudas.
A este respecto, a conselleira do Mar recoñeceu que o marisqueo atravesa un momento complicado, pero sostén que a Xunta está á altura. Neste punto, esixiu ó Goberno Central que cumpra co seu compromiso de eximir ás mariscadoras do pagamento de cotas á Seguridade Social mentres non poidan traballar.