Enlaces accesibilidad
Turismo

Sanxenxo: do veraneo familiar a bater marcas turística

  • De refuxio familiar de veraneo a bater o récord como destino con máis pernoctacións no norte de España
  • A transformación nas últimas décadas da localidade convertida en centro de atención mediática pola visita do rei emérito

Por
O auxe turístico de Sanxenxo

Terrazas e hoteis ateigados, mentres Silgar, o areal máis emblemático, se prepara para a tempada de verán. Era o ambiente que se vivía esta fin de semana en Sanxenxo coincidindo coa visita do rei emérito, visitante habitual antes da súa marcha en 2020 os Emiratos Árabes.

Nos anos 70 a localidade pontevedresa era aínda un apracible lugar de turismo familiar. Pero, cales son as claves que explican o auxe do seu modelo turístico?

Un pobo mariñeiro antes do boom turístico dos 80

“Sanxenxo era unha pobo mariñeiro”, explica Alfonso Martínez, presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos’. “Empezaron a alugarse casiñas, estaba o primeiro hotel, o hotel Terraza, e pouco a pouco, con empresas familiares, démonos conta de que podiamos dedicarnos ao turismo”.

“Nestes anos”, engade Martínez, “houbo unha importante aposta pola calidade por parte do sector. Somos un referente de calidade. Agora mesmo temos 16.000 prazas de aloxamento, aínda que o crecemento é mais lento, e hai unha certa estacionalidade, pero estamos traballando en prolongar a tempada”.

O impulso do porto deportivo

A inauguración do porto deportivo, en 2005, foi un punto de inflexión. “Nunha porcentaxe moi elevada ese auxe é debido ao rei Juan Carlos, que viña por aquí varias veces ao ano”, asegura o alcalde, Telmo Martín.

“Sanxenxo non pode vivir de costas ao mar, a ría de Pontevedra é magnífica e é normal que queira vir aquí a navegar. Tamén é certo que dende aquí se pode chegar por autovía a calquera punto de Europa. Hai dous aeroportos e agora ademais temos o AVE, unas comunicación bárbaras”, indica o alcalde da vila.

Engade que “todo isto, xunto ao clima, a gastronomía e a xente de Sanxenxo, nos converte no primeiro destino do norte de España en pernoctacións”.

Antes viñan moitos madrileños, xa éramos coñecidos, pero o que está pasando nestes últimos anos non ten precedentes

A Casa do Sear, un hotel rural próximo á praia de Areas, foi o lugar elixido por Juan Carlos I para aloxarse en varias ocasións. A súa propietaria, Elena Gondar, destaca que o seu comportamento era “o dun cliente máis, moi sinxelo”.

Pero, na súa opinión, a sona de Sanxenxo como destino turístico débese a un conxunto de factores: “Temos unas rutas do viño magníficas, rutas de sendeirismo, deportes náuticos e de aventura. Antes viñan moitos madrileños, xa éramos coñecidos, pero o que está pasando nestes últimos anos non ten precedentes”, asegura Elena.

Dende banqueiros a coñecidos empresarios e políticos atoparon o seu refuxio estival nesta vila das Rías Baixas, con 18.000 habitantes censados, que se multiplican por seis cando chega a calor.
 

Noticias

anterior siguiente