Enlaces accesibilidad
Astronomía

Astrónomos do campus de Lugo calculan a traxectoria e a órbita do primeiro meteorito rexistrado en Galicia

  • O meteorito de Traspena foi atopado por un veciño despois de que os cálculos dos investigadores delimitasen a zona de caída
  • É un fenómeno moi infrecuente que se produce cada 35 anos en toda a Península Ibérica

Por
Astrónomos do campus de Lugo calculan a traxectoria e a órbita do primeiro meteorito rexistrado en Galicia

Unha gran bola de lume, un súper bólido de 2,62 toneladas, caeu do ceo a noite do 18 de xaneiro de 2021. Entrou na atmosfera a unha velocidade hipersónica de 15 Km/s e en menos de cinco segundos quedaba reducido a un meteorito de 527 gramos.

Os vídeos serviron de guía

Varios vídeos de particulares de distintos puntos do noroeste peninsular recollen o momento no que a noite se iluminou case coma se fose día.

Unhas imaxes que serviron de guía para que unha investigación liderada pola Área de Astronomía e Astrofísica da Escola Politécnica do campus de Lugo (USC) determinase todos estes datos e calculase a traxectoria atmosférica do meteorito así como a órbita arredor do sol do asteroide orixinario e tamén o campo de dispersión.

Os cálculos preliminares xa apuntaban a que algún fragmento puidese chegar ao chan nos arredores de Traspena, no municipio lugués de Baralla.

Un equipo de busca do campus de Lugo tentouno sen éxito, pero dous meses despois un veciño da zona atopouno casualmente nun prado.

O primero caso ben documentado

“Este é o primeiro caso documentado, ben documentado ademais, dun meteorito en Galiza, e realmente en todo o estado español sería o segundo caso”, indica o astrónomo e profesor da EPS de Lugo, Manuel Andrade Baliño, quen coordinou toda a investigación.

Trátase dun fenómeno “moi infrecuente” segundo explica este investigador, que se produce nun territorio como Galicia de media cada 700 anos (35 anos no caso de toda a Península Ibérica).

‘O meteorito de Traspena’ xa está no ranking dos que teñen calculada a súa órbita, que son só 43 en todo o mundo.

Con música propia

Ademais, como curiosidade ten a súa propia melodía pois o astrónomo Manuel Andrade transcribiu a unha partitura musical a frecuencia sonora do gran estrondo que se escoitou cando entrou na atmosfera.

Un son que chegou 30 segundos despois da luz provocada polo súper bólido. Os investigadores conservan unha réplica do meteorito, que foi dividido en dous para a súa análise.

Un dos anacos exhibirase no Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago e o outro no concello de Baralla.