Unha semana para "O Son do Camiño": tres días de concertos con 40 artistas e 120.000 asistentes
- Ultimánse os preparativos do maior dos festivais galegos, este ano cun terceiro escenario e máis espazos
- As entradas están esgotadas e non hai cuartos libres en Santiago e a súa contorna
O Son do Camiño celébrase do 16 ao 18 de xuño, de novo co gran formato, tras dous anos de ausencia pola pandemia.
Montaxe
A unha semana de que arranque, no Monte do Gozo traballan sen descanso varios centos de operarios. Levan case mes e medio montando toda a infraestrutura.
Están montando o escenario principal, que é un dos máis grandes que se monta na Península
“Un 85% da infraestructura está montada e están empezando xa a montar a decoración", sinala Ángel Piñeiro, produtor artístico do festival. "As barras xa teñen unha gran parte avanzada e están montando tamén o escenario principal, que é un dos escenarios máis grandes que se monta na Península”. Ese escenario mide 36 metros de frontal e 18 metros de altura.
É o equivalente a un edificio de oito andares, sobre o que pasarán cada día sete artistas. Esta edición suma un terceiro escenario e máis espazo para o público e os postos de comida.
12 horas diarias de música
Serán doce horas diarias de música con case cincuenta artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel, como C. Tangana, Liam Gallagher, Chemical Brothers, Sebastian Yatra ou Anuel.
Unha oferta que non é común aquí, e iso é o que ao final intentamos facer: achegar xiras mundiais
“É unha oferta é moi variada, para todos os públicos, toda esa xente que pode ter 2, 3, 4 ou 5 artistas que lle gusten, sempre pode atopar algún que outro que en directo lle poida sorprender. Unha oferta que non é común aquí, e iso é o que ao final intentamos facer: achegar xiras mundiais ou xiras que son complicadas de ver”, sinala Angel Ángel Piñeiro, o produtor artístico do festival.
120.000 persoas
Un recinto ampliado que acollerá a máis de 120.000 persoas durante tres días de concertos, unhas 42.000 por día, e que van encher tamén os hoteis de Santiago e mesmo doutras cidades e vilas próximas. Case non quedan habitacións desde hai semanas.
É posible que haxa (habitacións libres), pero cuns prezos desorbitados
“É posible que haxa, pero cuns prezos un pouco desorbitados. Ao mellor algunha en algunha categoría de 5 estrelas, pero o resto está todo completo”, indica Carlos Regueiro, da Asociación Hostelería Compostela.
As entradas para O Son do Camiño están esgotadas.