Enlaces accesibilidad
arriba Ir arriba

Acompañamos a cabalaría da Policía Nacional que estes días de verán patrulla montes e camiños para previr incendios forestais e reforzar a seguridade dos peregrinos. En Vigo tamén contan coa colaboración da policía de Portugal. Fan patrullas mixtas, con axentes dos dous países, para mellorar a atención aos turistas e peregrinos portugueses que nos visitan.

Despois de catro anos sen publicar disco, a cantante Wöyza volve con ‘Valiosa’, o seu cuarto álbum en solitario. Un traballo no que a artista de Moaña abre as portas da súa vida para falar de maternidade ou bullying. Un disco íntimo, pero tamén reivindicativo, que abriu o IKFEM Festival Tui-Valença.

Baiona prohíbe usar auga da traída para encher piscinas, regar xardíns ou lavar coches. É primeiro concello en adoptar medidas este verán para afrontar a posible situación de escaseza. Vigo, pola súa parte, declara a situación de prealerta por seca.

O polbo fresco galego volve ás prazas, peixerías e restaurantes, logo de dous meses de veda. A campaña comeza con alta demanda e prezos medios de 13 euros na lonxa, pero con certa decepción, polo descenso de capturas.

O alumnado da escola de Donramiro, en Lalín, participou nun proxecto educativo que combina arte, tradición e patrimonio cultural arredor do pan de millo. A iniciativa, promovida polo Centro de Arte Fundación María Jove, permitiu aos nenos e nenas coñecer todo o proceso de elaboración, desde o cultivo e secado do millo corvo, típico de Galicia, ata a cocción do pan, ao tempo que descubriron historias, lendas e saberes populares vinculados a este alimento tan presente na cultura galega.

Os grandes areais urbanos foron un dos escenarios principais da celebración, por todo o alto e de xeito máis multitudinario que nunca, da noite de San Xoán. Nas praias da Coruña déronse cita 200.000 persoas. Lume, música, sardiñas e tradición na noite máis curta e máxica do ano. Una festa marcada polas altas temperaturas e os chamamentos a manter un comportamento cívico. Rexistráronse máis de 370 incidencias.

Preparativos para dúas das principais festas de San Xoán que se agardan esta noite en toda Galicia. En Nigrán, apuran a montaxe de dúas grandes cacharelas na Praia de Panxón, un dos puntos emblemáticos de celebración multitudinaria da noite de San Xoán, como tamén o son as praias de Riazor e do Orzán, na Coruña. Alí xa están delimitadas as parcelas para congregar a grupos de amigos e familias. O Concello coruñés repartirá 120 toneladas de madeira. Por toda Galicia as fogueiras iluminarán a noite máis curta do ano, que se prevé especialmente cálida.

Ameixa de Carril só hai unha. Con esa idea, a confraría de pescadores traballa nun novo selo de calidade para identificar a que sae da lonxa e reforzar a súa identidade. Poucos produtos do mar teñen un nome tan recoñecido como a ameixa de Carril. A súa calidade e o seu prestixio fixeron deste molusco un símbolo da gastronomía galega. O distintivo permitirá identificar a ameixa que procede dos parques de Carril. O obxetivo é ofrecer unha garantía ao consumidor e diferenciar o produto fronte a outras ameixas que se comercializan baixo o mesmo nome. Máis de 600 familias viven desta actividade.

Rematou o curso escolar. Coa rapazada xa de vacacións, as familias teñen que buscar alternativas para conciliar vida laboral e familiar. Unha boa opción son os campamentos de verán, coma o que hoxe comezou na praia da Lanzada, organizado pola Deputación de Pontevedra. Desde hoxe e ata o 5 de setembro pasarán por aquí máis de 1.500 rapaces de 8 a 12 anos, distribuídos en once quendas. Foron afortunados no sorteo, porque o número de solicitudes superou as 4.000.