Óscar Blanco: "A eclipse do 12 de agosto será o fenómeno astronómico das nosas vidas"
- Será a décima eclipse que vexa Óscar Blanco, da Agrupación Astronómica Ío e o Centro Astronómico de Trevinca
- A zona de totalidade atravesa boa parte de Galicia, pero non tódolos lugares son axeitados para desfrutalo

Oscar Blanco observa o centro galáctico desde o Centro Astronómico de TrevincaOscar Blanco
A vindeira lúa nova vai tapar por completo o sol dende a nosa perspectiva. A súa sombra vai atravesar o día 12 unha pequena parte da Terra e entrará por Estaca de Bares e o Cabo de Peñas á Península Ibérica despois de percorrer Siberia, Groenlandia ou Islandia. As eclipses totais de sol prodúcense relativamente a miúdo pero é excepcional que nos pasen pola porta. Por iso Óscar Blanco, presidente de la Agrupación Astronómica Ío e do Centro Astronómico de Trevinca, di que vai ser "a eclipse das nosas vidas".
Unha experiencia única, moita xente vai sorprenderse da súa beleza
Este xogo entre a lúa e o sol levou a Óscar canda outros membros da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío a Turquía, á China, Australia, Indonesia ou Chile. A do día 12 vai ser a súa décima eclipse. Non dubida que debemos achegarnos a unha zona na que se aprecie a totalidade. Se, por exemplo, estamos ante o Atlántico, Óscar Blanco explica que poderemos ver a sombra da lúa achegarse a nós sobre o mar e apreciar a baixada da luz, da temperatura e as reaccións dos animais.
Oscar Blanco
Durante a primeira fase -cando a lúa empeza a darlle bocados ao sol- recomenda ollar directamente só de cando en cando, sempre coas lentes protectoras. Pero o importante, relata, é observar o que acontece arredor de nós: "é máis atractivo estar pendente de como cambia a luz, como todo vai collendo un ton metálico".
Blanco aclara que o minuto que dure a fase de totalidade podemos mirar cara a eclipse sen empregar as lentes porque o sol está tapado. Aconsella pousar o móbil e programalo para que grave vídeo ou tire fotos do momento para que estar pendente del non nos quite de gozar do fenómeno. A próxima eclipse total de Sol que se poderá observar dende Galicia será en 2480. Daquela, subliña Óscar Blanco, falarase da deste 12 de agosto, como nós agora mergullamos na hemeroteca para ver que se contou da ocorrida en 1905.
29 puntos de exclusión para a observación
Vaise ver dende algo máis da metade da superficie de Galicia: en practicamente todas as provincias da Coruña e Lugo e na parte máis nororiental de Pontevedra, así coma na zona ourensá de Valdeorras. Hai centos de lugares ós que os cidadáns poden achegarse para desfrutar desta eclipse de sol, pero non todos son aptos ou recomendables. As autoridades identificaron unha trintena na que a falta de servizos, as complicacións para evacuar en caso de emerxencia, a accesibilidade ou o gran valor ambiental da contorna fan recomendable evitar aglomeracións. Especialmente en plena época de alto risco de incendios.
A Torre de Hércules, as illas de San Pedro, as Furnas de Oleiros ou as marismas de Carnota son algunhas das máis destacadas na provincia da Coruña. Listaxe á que se suma o Monte da Guía de Vigo, o Parque dos Condes de Monforte ou a Fervenza do Toxa en Silleda. O concello que ten máis puntos excluídos é o do Vicedo, na provincia de Lugo -a mellor pra ver a eclipse-. Alí está un dos principais puntos turísticos da provincia lucense, o Fuciño do Porco. A alcaldía considera que non é apto pra acoller un gran número de persoas. Nos concellos pequenos, ademáis, non hai policía local, e os medios de protección civil e emerxencias son limitados, polo que cómpre evitar zonas illadas e prácticas de risco nas horas de máis interese.
Na provincia da Coruña, a hostalaría irá á folga esa xornada
A provincia da Coruña será unha das mellores zonas para ver a eclipse e espérase unha gran afluencia de turismo. Pero a súa atención está comprometida. Os sindicatos din que non lles queda outra opción, porque a patronal está alongando a negociación do novo convenio. Leva ano e medio caducado, e os salarios medios dun camareiro non chegan ós 1100 euros netos ó mes.
Cren que nun momento de máxima rendabilidade, e nunha xornada na que os prezos das habitacións escalan a cifras de escándalo, os beneficios deben repercutir en quen mantén en pé o sector: os seus traballadores. A patronal asegura estar aberta ó diálogo, pero mantén sobre a mesa a petición de eliminar o complemento de baixas laborais, para que os traballadores enfermos cobren o cen por cento do seu salario.