Enlaces accesibilidad

En naufraxios a formación en seguridade pode implicar sobrevivir ou non

  • Crese que moitos ocupantes do #VilladePitanxo non tiveron tempo para vestir os traxes de supervivencia
  • Coñecer os equipos, manter a calma e cumprir co papel encomendado son prioritarios

Por
Formación náutica en seguridade

Os alumnos da Escola de Náutica da Universidade da Coruña fórmanse para poder enrolarse coma tripulación dun barco.

Asistimos a unha clase práctica cos traxes de supervivencia, que poden marcar a diferenza entre sobrevivir ou morrer no caso dun naufraxio.

Sen traxe de supervivencia aguantarías dous, tres ou catro minutos

Un alumno explica as vantaxes deses traxes. "Co traxe de supervivencia, na auga e sen balsa podes durar unha hora; coa balsa, entre catro e seis horas; e sen traxe aguantarías dous, tres ou catro minutos".

O afundimento do Villa de Pitanxo foi tan rápido que, segundo os expertos, moitos dos ocupantes probablemente non tiveron tempo a poñer o traxe de supervivencia.

Adestrarse

A seguridade abarca boa parte da formación que reciben os alumnos ao longo longo da titulación. Un deles resalta que ensina o imprescindible que é saber que facer en circunstancias de perigo.

Coñecer os equipos, manter a calma e cumprir co papel encomendado son as prioridades en caso de naufraxio.

Exercicios de abandono, de contraincendios e de "home á auga" para manter as tripulacións adestradas

O profesor Javier Lama detalla que se fan "exercicios de abandono, de contraincendios, de "home á auga", para manter as tripulacións adestradas, unha vez ao mes".

Como homes e mulleres de mar que son, a traxedia de Terranova está presente entre profesores e alumnos, pero non bota para atrás as vocacións.