Enlaces accesibilidad
Fotografía

Montan unha exposición con fotografías dos antigos veciños de Bexán, O Saviñao, nesa aldea agora deshabitada

  • No ano 1900 tiña 130 habitantes, o ano pasado morreu o derradeiro
  • A mostra pode visitarse ata mediados de novembro

Por
Memoria fotográfica contra o despoboamento da Ribeira Sacra

Á beira do Miño, non moi lonxe da presa de Belesar, está Bexán, unha aldea do concello lugués do Saviñao, que a comezos do século vinte tiña máis de 130 habitantes. Cen anos despois non ten ningún veciño censado. O último morreu o ano pasado.

Agora as súas vistas privilexiadas sobre a paisaxe das viñas da Ribeira Sacra só reciben algún visitante durante as fins de semana.

Bexán é un exemplo de abandono e despoboamento que sufren milleiros de núcleos de poboación en toda Galicia, pero, sobre todo, no interior. Coma Bexán só na provincia de Lugo 853 entidades de poboación están deshabitadas, segundo datos do padrón do ano 2020.

Sacra Art

É un problema global que, xunto co cambio climático, é o principal problema que temos

Ante esta situación a asociación cultural e artística Sacra Art propúxose homenaxear aos veciños que nalgún momento viviron neste lugar do Saviñao cunha exposición fotográfica e, ao mesmo tempo, evidenciar o “grave problema” do despoboamento e avellentamento que sufre o medio rural, un “problema global, que non afecta só á Ribeira Sacra ou a Galicia e que xunto co cambio climático é o principal problema que temos”, indica con énfase Nacho García, integrante da asociación Sacra Art que promove esta novidosa iniciativa.

Os rostros e as vidas

Máis de trinta imaxes -sobre todo, retratos dunha época na que as cámaras escaseaban- colgan nas paredes das casas como se dalgún xeito as protexesen ante a forza do paso do tempo que xa causou estragos en varias delas.

Aquel é o meu fillo, esta son eu co feixe na cabeza e aquí a miña neta

“Aquel é o meu fillo, esta son eu co feixe na cabeza e aquí a miña neta”, indica co seu bastón Guillermina Rivas, que aos seus 88 anos volveu a Bexán, para ver a mostra fotográfica.

Guillermina lembra cando a este lugar só se podía acceder en carro de vacas. Tamén lembra as innumerables viaxes que fixo ribeira arriba e ribeira abaixo para transportar feixes de herba, leña ou viño sobre a súa cabeza.

Guillermina non esqueceu o día no que marchou hai oito anos da súa aldea natal e ao vela abandonada non pode evitar un sentimento triste, “como non me vai dar tristeza” di emocionada, pero “que se lle vai facer”

Como adoita acontecer, a memoria dunha aldea abandonada como Bexán camiña entre a nostalxia de que calquera tempo pasado foi mellor e, doutra banda, a idea de que a vida do século pasado era peor. “Hai xente que ten moi bos recordos e que pensa que era unha vida mellor e hai outros que pensan que non, que era unha vida moi dura, á que non queren volver”, sinala Nacho García, da asociación Sacra Art que manterá a exposición ata mediados de novembro.

Rosario Aguiar pasou parte da súa infancia en Bexán nunha casa que agora acolle as fotografías de seu bisavó e seu avó, emigrantes en Cuba, da súa avoa e da súa nai. Encántalle a idea de facer unha mostra así para revitalizar dalgún xeito a aldea. “A ver se lle dá algo de vida, porque a ilusión do meu fillo máis novo é ver esta aldea rehabilitada” engade esta muller que lembra a copla popular sobre Bexán:

“Lugarciño de Bexándende lonxe pareces vilacunha rosa na entradae un caravel na saída. Lugarciño de Bexándende lonxe pareces vilase non foran as escurruchasonde as mozas se perfilan.”