Enlaces accesibilidad

Emilia Pardo Bazán foi a primeira muller do mundo en escribir novela policiaca

  • "Los misterios de Selva" publícase agora pouco antes do centenario da súa morte
  • Dona Emilia quixo competir con Conan Doyle e o seu Sherlock Holmes pero ao final a obra non a convenceu

Por
"Los misterios de Selva", libro inédito de Pardo Bazán

Foi escritora prolífica e tamén lectora empedernida. Lía a Conan Doyle pero parecíalle que aos seus personaxes lles faltaba complexidade psicolóxica. Emilia Pardo Bazán xa se atrevera coa novela negra cando escribira "La gota de sangre", dez anos antes de que empezara a publicar Agatha Christie, converténdose así na primeira muller da literatura universal en estrear este xénero. Inventou a Selvas, un Sherlock Holmes máis castizo co inglés, e decidiu darlle unha segunda parte. "Quería escribir a novela policíaca perfecta, pero non o conseguiu ou alomenos a ela o resultado non a convenceu", explica o editor do libro que agora sae á luz, José María Paz Gago.

A obra levaba anos nos arquivos

Os escritos estaban vellos e tiñan humidade. Houbo que traballar horas, descifrar, para sacar adiante esta publicación

Hai 50 anos chegaba á Coruña o legado que a filla de Pardo Bazán lle doaba á Real Academia Galega. Mobles, roupas e libros. No medio de todo ese material había 170 "cuartillas" escritas a máquina, "porque a dona Emilia lle gustaba escribir a máquina e sacar fotos con cada un deses aparellos que ía adquirindo, cada cal máis moderno, para parecer unha escritora de verdade", explica o editor. "Os escritos estaban vellos e tiñan humidade. Houbo que traballar horas, descifrar, para sacar adiante esta publicación".

A primeira muller en escribir novela policíaca no mundo

A novela trata sobre unha banda internacional que rouba obras de arte e sobre as investigacións do detective madrileño Selva. Inclúe una historia de amor que " a escritora relata cunha sensualidade exquisita, coma só ela sabía facer", opina José María Gago.

Deulle esa dose de complexidade psicolóxica que ela consideraba que lle faltaba á novela criminal inglesa, pero a obra acabou no caixón. Agora sae á luz, días antes do centenario da súa morte, o 12 de maio.