70 aniversario de Televisión Española e 55 do Centro Territorial de Galicia
- A televisión empezou a emitir o 28 de outubro de 1956, a Galicia chegou cinco anos máis tarde
- Panorama de Galicia foi o primeiro programa que se emitía só para Galicia e pioneiro no uso do idioma galego

Carta de axuste de Televisión Española, antes da primeira emisión en 1956RTVE
As primeiras imaxes da televisión saían dun pequeno espazo, uns 100 metros cadrados, nun edificio do Paseo da Habana, en Madrid. Unhas 4 persoas formaban o equipo, a mayoría sen experiencia.
Non se podía gravar polo que a reducida programación facíase en directo.
Nese primeiro día de emisión só a puideron ver uns centos de persoas que tiñan un receptor. Calcúlase que só había uns 600 en Madrid e o sinal só alcanzaba uns 70 quilómetros arredor da cidade de Madrid.
Galicia recibe as primeiras emisións
A cidadanía galega estaba ansiosa de poder ver a televisión, un afán que se calmaba coa recepción, no sur de Galicia, das emisións da RTP, a televisión portuguesa. Para poder ver Televisión Española houbo que agardar ata setembro de 1961 grazas a instalación dunha antena no monte do Pedroso en Santiago de Compostela. A emisora, cos seus 60 Kw de potencia, permitía a recepción do novo medio de comunicación nunha parte importante de Galicia.
En 1961 a emisión da televisión chega grazas a antena do Pedroso, en Santiago de CompostelaTeleradio
A revista Teleradio, en 1961, destacaba que "a chegada de TVE cubriu de antenas os tellados das cidades galegas". A orografía non axudaba e eran moitas as zonas, sobre todo rurais, ás que non chegaba o sinal. Houbo que esperar ata o Mundial de Fútbol de 1982 para que todos os recunchos de Galicia tiveran acceso ás dúas canles de TVE, segundo apunta Alejandro Macías, xornalista e investigador audiovisual.
A xente para diante dun escaparate para ver as primeiras emisións da televisión.Teleradio
1971, inaugúrase a delegación de TVE en Galicia
Nunha pequeña vivenda da rúa do Vilar de Santiago comeza a historia de Televisión Española en Galicia. A inauguración foi o 25 de xullo de 1971 e na delegación traballaban catro persoas.
Horacio Arias foi un dos responsables que puxeron en marcha este centro de traballo e lembra que gravaban as informacións en cine, e logo de ser montadas, mandábannas a Madrid para a súa emisión. Luis Salguero puña a imaxe e a voz as novas galegas que logo aparecían nos telediaros.
Panorama de Galicia e Telexornal
Tres anos despois Televisión Española amplia a súa presenza en Galicia. Estréase un informativo territorial chamado Panorama de Galicia, 15 minutos de información en desconexión da programación que se facía desde Madrid. O centro trasládase do pequeno piso da rúa do Vilar a unhas instalación, con máis espazo, no Pazo de Raxoi.
Panorama de Galicia foi o pioneiro dos informativos territoriais de TVE. Tareixa Navaza, Perfecto Conde ou Luis Palmeiro foron os primeiros profesionais xunto con Luis Mariñas que, naquel tempo, apostou por introducir o idioma galego en televisión. Hai que lembrar que estábamos no ano 1974, aínda non morrera o ditador Franco, e usar o galego non era tarefa sinxela.
Unha das primeiras emisións do Panorama de GaliciaRTVE Galicia
Panorama de Galicia empezou a usar o galego, unha aposta de Luis MariñasRTVE Galicia
Despois de "Panorama" chegou o Telexornal e incorporáronse novas facianas que contaban o que pasaba en Galicia como Xoán Barro ou Cecilia Fernández que aínda hoxe son recordadas pola audiencia.
Á grella de Televisión Española en Galicia chegan novos programas como o magacín "Telegalicia" e espazos dedicados ao servizo público como "O Agro" ou "O mar", sen olvidar a cultura ou a música.
Desde o punto de vista técnico, a mediados dos anos oitenta, ábrense delegacións en varias cidades que posibilitan maior rapidez na chegada das noticas e conexións en directo con estes lugares.
Novo centro territorial
En 1991 inaugúrase o novo centro de TVE en Galicia, un espazo amplo sito na parroquia de Bando en Santiago.
Durante a década dos noventa póñense en antena novos espazos tanto en desconexión para Galicia, pola primeira e segunda canle, ademais de algún programa que se produce para toda España e para a canle internacional, como é o caso de "Desde Galicia para el Mundo".
55 anos de presenza en Galicia
Cúmprense 70 anos da primeira emisión de TVE e 55 da presenza en Galicia de Televisión Española. O valioso arquivo, agora dixitalizado, garda boa parte da historia contemporánea de Galicia. Imaxes e sons que contaron, contan e contarán todo o que pasou, pasa e pasará.