Enlaces accesibilidad

Unha das mostras máis amplas feitas sobre The Beatles exhíbese en Ourense

  • Instrumentos, prendas, obxectos de uso cotián e outros materiais, expostos no Marcos Valcárcel
  • Hai prendas que vestía John Lennon e a cafeteira que lle regalou a pontevedresa que traballou para el como asistenta

Por
A pegada dos Beatles, en Ourense

52 anos despois da separación dos Beatles, a pegada da banda británica segue vixente tanto na música como na industria cultural. Proba da súa importancia é o interese que espertou en Ourense unha exposición única sobre o universo beatle. Nun mes e medio visitárona máis de 5.000 persoas.

Visitan España

En 1995 Televisión Española dedicaba un programa da 'Noche Temática' a lembrar a repercusión da visita dos Beatles a España trinta anos antes. A proxección, en bucle, dese documental forma parte da exposición.

Nun recuncho recreouse a cama da noite de vodas de John Lennon e Yoko Ono, sobre a que repousa a guitarra orixinal do mítico cantante.

Tamén é orixinal outra guitarra decorada a man por George Harrison. Preside o espazo dedicado á viaxe da banda á India en 1968 por iniciativa do guitarrista. Influídos pola espiritualidade hindú compuxeron unha trintena de cancións.

Interactiva

Os catro decorados da mostra fan que sexa interactiva. "Pódese xogar dentro da exposición, 'vivir' momentos que viviron eles, como por exemplo o paso de cebra de Abbey Road, a portada do Sargent Pepper's, que é a reconstrucción bastante aproximada de como foi o lugar real que serviu de portada ao disco", sinala Xosé Lois Vázquez "Che", responsable da montaxe.

Pódese xogar dentro da exposición, 'vivir' momentos que viviron eles, como por exemplo o paso de cebra de Abbey Road

Entre as 300 pezas expostas hai prendas que John Lennon usaba para andar por casa. Ou a cafeteira que lle regalou a Rosaura, a pontevedresa que traballou para el catro anos como asistenta doméstica.

Para os escolares, a visita convértese nunha clase práctica da historia da música pop. "Preguntan moito sobre os instrumentos que hai, sobre a batería, que se é a orixinal ou non…Ese decorado que temos chama moito a atención", apunta Tatiana Feijóo, guía da exposición.

A pegada da beatlemanía nas industrias culturais apréciase na gran cantidade de produtos de márketing que hai no mercado. Un dos máis curiosos é unha peza de cerámica de Sargadelos dedicada a 'The yellow submarine', a única canción cantada por Ringo Star que chegou a ser número un.

Os obxectos da exposición cedéronos a filla de Rosaura, o presidente da Deputación de Ourense e Chema Ríos, guitarrista dos Fabulosos Weekend e amigo do baterista da banda de Liverpool.

Vixentes hoxe

Alejandro toca nun grupo que versiona cancións dos Beatles, por iso os obxectos que máis lle gustan son os instrumentos, como as guitarras de The Quarrymen, a banda que creou Lennon cando aínda era un adolescente.

O que máis chama a atención da música dos Beatles é que son uns temas nos que parece que non pasou o tempo por eles

"O que máis me chama a atención da música dos Beatles é que son uns temas que escoitados hoxe parece que non pasou o tempo por eles".

Os libros que editou o grupo e que inclúen os cedés coa súa música teñen tanto valor que se mostran protexidos por tubos de cristal. Son auténticas xoias editoriais, o seu contido pode ver nas pantallas.