Enlaces accesibilidad

Aleksandra e Vadssin, rusos en Lugo: 'Tés medo a falar coa xente, a que en calquera momento chamen á porta'

Por
Rusos residentes en Lugo contra Putin

A intervención do exército de Rusia en Ucraína segue a espertar a indignación xeral, á que non son alleos os cidadáns rusos que viven en Galicia. Unha parella de lugueses que naceron en Rusia ela, en Belarús el, lanza unha mensaxe contra a guerra de Putin e amosa a súa solidariedade co pobo ucraíno.

Aleksandra Dmitrieva e Vadssin Yukhnevich chegan ao parque Rosalía de Castro para contarnos o que supón a guerra.

Unha traxedia humanitaria, desde dentro é un desgarro moi tremendo

Para el, músico e actor, "é unha traxedia humanitaria, desde dentro é un desgarro moi tremendo".

A Aleksandra, profesora de idiomas e fotógrafa, provócalle moita dor. "Non entendo como no século XXI pode pasar tal cousa".

Medo

Os dous poñen en dúbida as enquisas que en Rusia reflicten un gran apoio á invasión.

"Moita xente di que ´si´ por medo", asegura Vadssin. Aleksandra, profesora de idiomas e fotógrafa, apunta que "somos irmans, creo que moita xente non o apoia (a Putin)".

Viu como se afundía a economía e como moitos amigos marchaban do país

Ela estivo en Rusia hai unhas semanas e viu como se afundía a economía e como moitos amigos marchaban do país.

"Tés medo de falar coa xente, porque non sabes de que lado está, tés medo de que en calquera momento poden chamar á porta, teslle medo á policía, que está por todas partes".

Sancións

Lamentan que as sancións e o odio cara Rusia o acabe pagando o pobo e non o goberno de Putin.

"Se fan tapón a todo o pobo ruso, nada bó deso vai saír", pensa Vadssin: "Xa sabemos o do muro de Berlín: acumulación de odio, de pobreza…"

Non é Rusia a que está facendo eso, é o goberno. Pero entendo que a xente estea vinculando o que pasa co pobo ruso

Aleksandra: "Non é Rusia a que está facendo eso, é o goberno. Pero entendo que a xente estea vinculando o que pasa co pobo ruso". Vadssin toca a guitarra e canta acompañado por Aleksandra unha canción tradicional de Ucraína.