Enlaces accesibilidad

Florencio Delgado Gurriarán, o valdeorrés para quen a poesía era unha "necesidade vital"

  • Homenaxeado coas Letras Galegas, escribiu no exilio sobre a saudade en Galicia infinda e Bebedeira
  • RNE entrevistouno en 1968 no programa "Poetas de Galicia", a única gravación sonora existente

Por
Letras Galegas e Delgado Gurriarán

Florencio Delgado Gurriarán chamaba "crioulos" aos poemas nos que mesturaba o galego coa língua indíxena de México, o país no que viviu case medio século despois da Guerra Civil, cando se exilio polo seu compromiso republicano. "Xarabe tapatío" é un exemplo, que escoitamos na súa voz dentro do programa "Poetas de Galicia", de RNE.

O “xarabe tapatío” / ledo como un rechouchío / é unha danza rebuldeira / parente da muiñeira

“O “xarabe tapatío” / ledo como un rechouchío / é unha danza rebuldeira / parente da muiñeira. / É nun baileo bailado / e cos pés repinicado /As pernas das rapaciñas/fan rendas de Camariñas”

O recitado dese poema pecha a modo de despedida o programa que Radio Nacional de España dedicou ao escritor aproveitando a súa primeira visita a Galicia tralo exilio en México. Emitíase en outubro de 1968.

Gravación única

O programa, de vinte minutos de duración, inclúe unha pequena entrevista ao escritor na que recoñece que escribir poesía era unha necesidade vital para el.

Hay necesidad de expresarla, de escribirla. Mientras tanto, me siento incómodo

"Va formándose poco a poco la idea de un poema en uno y hay necesidad de expresarla, de escribirla. Mientras tanto me siento incómodo”, afirmaba Delgado Gurriarán.

O seu sobriño e biógrafo Ricardo Gurriarán valora que se trate do único rexistro existente do poeta valdeorrés, falecido en California en 1987.

“É unha voz en vivo de Florencio facendo valoracións poéticas acerca da súa poesía, acerca da poesía galega, acerca da poesía en México, ten moita importancia”.

Ricardo Gurriarán sabía da existencia desa gravación por unha carta que o seu pai lle escribiu ao poeta.

“Meu pai cita como se escoitou ese programa en Córgomo e conta como andou buscando transistores, porque se lle acabaran as pilas para poder escoitar seu irmán Florencio”.

Bebedeira e Galicia infinda

En 1968 Delgado Gurriarán tiña publicados dous libros de poesía, Bebedeira e Galicia infinda. No programa, Lita Iglesias e Andrés Rey recitan cinco poemas. No que dá título ao segundo poemario, Delgado Gurriarán expresa o que era a saudade para el.

Galicia infinda / nosa Galicia é máis que toda a terra / Galicia só limita coa saudade

“Galicia infinda / nosa Galicia é máis que toda a terra / Galicia só limita coa saudade /elástica fronteira / que serve para o tempo e para o espacio / Onde un galego está, atópase ela /mais que ninguén atravesala pode / inda que leve nos papés: poeta”.

O programa radiofónico xa se pode escoitar na páxina web do Consello da Cultura Galega.