Enlaces accesibilidad

Primeira noite en Lalín de 48 refuxiados ucraínos que foxen da guerra

Por
Ucraínos en Lalín

Con aplausos e unha bandeira de Ucraína recibían en Lalín os 48 refuxiados, que chegaron onte á tarde. Vinteséis deles son nenos. Tamén veñen mascotas e dúas embarazadas. Unha que, en poucos días, dará a luz á súa primeira filla en Galicia.

O éxito desta expedición é animar a todas as administracións e ONGs a facer o mesmo.

“Creo que o éxito desta expedición non é só ir recoller e acoller a estes refuxiados, senón animar a todas as administracións e ONGs a facer o mesmo. Porque os particulares non teñen esta capacidade e os riscos son moito maiores”, asegura Víctor Blanco, xefe de Protección Civil de Lalín que dirixiu o operativo.

A salvo

Chegan exhaustos trala viaxe no autobús fretado polo concello de Lalín. En cinco días percorreu os sete mil kilómetros de ida e volta ata a fronteira entre Polonia e Ucraína. Para alá levou sete toneladas de axuda humanitaria e para acó, aos que foxen, deseseperados, da guerra.

Un deles é Aleksei. Cóntalle ao equipo de Televisión Española que viaxa a bordo que escapou con tres fillos e outros seis nenos da súa familia, para poñelos a salvo. Asegura que agora xa están tranquilos porque atoparon paz.

Asmic é unha moza que viaxa soa. Fuxiu da cidade de Irpin despois de que os rusos bombardearan as pontes e chegou a Polonia por un corredor humanitario. Aló deixa a nai e un irmán. “Pero non me sinto soa porque son moitos os que veñen neste autobús”, afirma.

Non me sinto soa porque son moitos os que veñen neste autobús

Comparten historia, tristura polo que deixan atrás, incerteza, pero tamén a esperanza pola nova vida que empezan.

A primeira noite pasárona no albergue de Mouriscade, que o concello de Lalín acondicionou para eles. A partir de hoxe ocuparán vivendas cedidas polo Concello e os veciños.

Case tres millóns de pesoas fuxiron de Ucraína desde o inicio da invasión rusa.