Enlaces accesibilidad

Os gases de efecto invernadoiro minguan a estratosfera, con repercusións nas telecomunicacións e o medio ambiente

  • Cada dez anos contrae cen metros, co que en 2080 perdería quilómetro e medio
  • Iso conclúe un estudo internacional no que participaron físicos da Universidade de Vigo

Por
A estratosfera encolle

A estratosfera, a uns 20 quilómetros de altura, absorbe gran parte da radiación ultravioleta que chega a Terra. Pero leva xa décadas contraéndose pola emisión de gases de efecto invernadoiro.

Contrae a un ritmo moi elevado, posiblemente superior ao que inicialmente cabería esperar

O profesor de Física da Terra na Universidade de Vigo Juan Antonio Añel di que se contrae "a un ritmo moi elevado, posiblemente superior ao que inicialmente cabería esperar, a uns dez metros por ano. En 2080 perderiamos un catro ou cinco por cento da estratosfera do noso planeta”.

Consecuencias

Iso influiría nas emisións por satélite e os sinais de radio, ao existir menos espesor atmosférico para esas a transmisións.

“Moitos sistemas de satélites dependen de alturas prefixadas, dos modelos estándar da atmosfera que se consideraban ata agora. Eses valores de altura das capas atmosféricas están a cambiar. Polo tanto pode ser preciso recalibrar moitas misións nalgúns casos ou ter en conta estas distintas alturas para misións que se lancen no futuro”.

Vai repercutir tamén no aumento do lixo espacial.  Calcúlase que xa hai uns 34.000 obxectos orbitando arredor da Terra, dende luvas de astronautas a restos de aparellos que se desintegraron, co risco que implica. "É moito máis perigoso para certas operacións que se poidan levar a cabo a estes niveis orbitais. Calquera pedaciño pode impactar cun satélite ou unha misión e facer grandes estragos”.

Urxe cortar as emisións de CO2, din os investigadores, para reverter esa tendencia e que a atmosfera, e o planeta poidan recuperar o seu equilibrio.