Magazine Galicia 13:40 - 05/02/26
Xa se levan recollidos 68 litros por metro cadrado no que vai de día en Forcarei. Noutro momento pareceríanos unha gran cantidade. Agora despois de semanas e semanas chovendo... é un día máis. Moitas aldeas xa non ven leiras ou prados verdes, senón unha masa de auga ou terreos encharcados. E seguimos sumando incidencias... a autovía Marín-Pontevedra pecha tóda-las mañás, sen transporte marítimo na ría de Vigo, non saen nin entran trens en Vigo... todo o interior da provincia de Pontevedra está en alerta laranxa por chuvias... a mesma zona na que a semana pasada houbo un aviso vermello. Os ríos non da evacuado toda a auga e rebordan, provocando danos, como en Betanzos.
¿Sabemos como axudar, acompañar ou relacionarnos cunha persoa cega nunha consulta médica ou nunha aula? Con esa pregunta de fondo, a ONCE está a celebrar na Coruña as Terceiras xornadas de Portas Abertas baixo o lema "Derrubando barreiras, construíndo oportunidades", dirixidas a futuros profesionais da sanidade e a educación.
Falamos do noso Patrimonio Cultural... que está a sufrir as consecuencias do abandono e tamén dos moitos días de chuvias intensas. Un exemplo, a caída de parte da torre de Torés, unha construción medieval do concello lucense das Nogais declarada Ben de Interese Cultural. A fortaleza é propiedade da Casa de Medinaceli, que lla cedeu en 2013 ao Concello das Nogais por un periodo de 25 anos para a súa posta en valor. O desprendemento foi denunciado polas asociacións Patrimonio dos Ancares e Val de Torés, que levan tempo denunciando o "pésimo estado", din, desta construción. Pero non se fixo ningunha acción para evitar o seu deterioro.